Vigueses con distinción
O Concello fai entrega da medalla de ouro da cidade e dos títulos de vigueses distinguidos a persoas e asociacións ligadas a cultura e o progreso da cidade.Coñéceos a todos:
A Asociación Cultural Mujeres Diálogos de los 90 recibiu a medalla de ouro da cidade. Un merecido recoñecemento a preto de tres décadas de traballo a prol da igualdade. O empeño da súa presidenta, Marita Fernández De la Cruz, e tódalas outras socias é o de pór en valor a muller en tódolos ámbitos da sociedade. Neste senso crearon os premios Galegas Destacadas que teñen recibido empresarias, científicas, pintoras, xornalistas…
No eido da literatura dous escritores foron premiados: Ledicia Costas e Arturo García Teijeiro. Uns galardóns á literatura infantil e xuvenil galega, xa que ambos escritores destacan neste ámbito. Tanto Costas como Teijeiro teñen unha prolífica e exitosa carreira que de ben seguro seguirá engaiolando a través das letras aos mozos e mozas galegos.
Coincidindo co 50 aniversario de dúas das escolas decanas da cidade, tamén recibiron o título de vigueses distinguidos os colexios Doutor Feliming e Canicouva. Un recoñecemento á educación pública e a todas esas xeracións de estudantes que pasaron polas súas aulas. Por suposto tamén, ao equipo docente de ambos centros, representado por Ramón Méndez e Guadalupe González, directores do Canicouva e Fleming respectivamente.
Agarimo, a Asociación de Amas de Casa e de Consumo naceu coa inquedanza de que toda a xente que estaba sola tivese onde acudir e sentirse arroupada. Hoxe en día, poden presumir da gran cantidade de actividades que se dinamizan dende a asociación que tamén axuda de forma gratuíta a tódolos cidadáns que teñan algún problema relacionado con consumo.
E se alguén sabe de axudar aos demais, esa é Rosario Pérez que tamén recibiu a distinción. A viguesa, que actualmente traballa no Albergue Marqués de Valterra, leva toda unha vida dedicada a axudar a aqueles que non teñen recursos ou que precisan apoio. Rosario foi voluntaria previamente, entre outras, nun piso de VIH e no local de Sereos.
O movemento veciñal tamén recibiu mención. Nesta ocasión o premio recaeu na Asociación de veciños de A Miñoca que cumpre 20 anos. A súa labor ten sido vital na dinamización dun barrio que aínda agora está en pleno crecemento.
Outra pata clave da cidade e do seu progreso é o comercio local. Nesta edición dos premios Vigueses Distinguidos premiouse ao Centro Comercial Coia 4, no que ao longo destes 40 anos nos que tiveron que pasar por tempos moi complicados, souberon manterse e ofrecer aos veciños produtos de calidade e cercanía.
No ámbito do deporte foron nomeados dous clubs insignia da cidade. Por unha banda os Montañeiros Celtas, que non podían recibir mellor recoñecemento para celebrar o seu 75 aniversario. A agrupación pode presumir de ser un dos colectivos que máis ten feito por ofertar plans saudables e de alta carga medioambiental entre a cidadanía. Por outra parte, o Coruxo Club de Fútbol que nos seus 88 anos de historia ten demostrado ser un dos mellores exemplos de fútbol local.