Vigosónico abrirá a final de mes e sumará unha oferta formativa
Hai case un mes que nacía a plataforma Grupos en Loita, cuxo prinxipal obxectivo era conseguir a reapertura de Vigosónico, as únicas salas de ensaio públicas da cidade. O pasado xoves 3 o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou en rolda de prensa a súa intención de reabrir as instalacións a finais deste mes de febreiro, ademais de sumar unha acción formativa da man da Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI).
Case dous anos despois do seu peche, Vigosónico segue coa persiana baixada. Iso si, segundo anunciou Abel Caballero a semana pasada, isto vai cambiar pronto. “O peche foi unha medida de preservación da saúde e agora abrirá en dúas dimensións: a formación musical e as salas de ensaio e gravación de maquetas dos grupos da cidade”, expuxo o alcalde. Para esta reapertura, din, están a preparar un protocolo específico para cada sala utilizando uns medidores de CO2 específicos con sistema wifi, unha medida que poderían ter realizado hai ben tempo e que cheira a improvisación de última hora.
Sobre a dimensión formativa á que se refire Caballero, ese mesmo día presentaron unha iniciativa coa Fundación Paideia e a EOI na formación de 21 artistas e grupos musicais. Concretamente, está dirixido a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir un plan de negocio dos seus proxectos artísticos. Contará cun total de 60 horas formativas presenciais e 40 de titorías individuais para cada un dos proxectos musicais participantes. As sesións presenciais desenvolveranse os venres pola tarde en horario de 16:00 a 20:00 en Vigosónico. Participarán como relatores e titores recoñecidos profesionais da industria musical como Almudena Heredero (directora de Primavera Prol), Celia Carrillo (Directora Xeral de LIVENow Spain) ou Tomás Fernando Flores (Director de Radio 3). As inscricións poden realizarse a través desta ligazón.
Pese a estas novas, a priori boas pero moi tardías, o colectivo Grupos en Loita non está satisfeito coas medidas e o procedemento. Na reunión que mantiveron coa Concellería de Turismo e Xuventude o pasado venres expuxeron que estas accións formativas “non serven para solucionar ningunha necesidade das bandas locais”, ademais da “obvia improvisación e oscurantismo desta xestión”. Denuncian tamén a reducción do horario, a non renovación do material que leva dous anos parado e falta de detalles desta nova posta en marcha. O único que saben é a apertura das instalacións o sábado 26 e que todas as bandas que estaban inscritas teñen que volver a facelo de novo, algo totalmente insólito. Entre as promesas ofrecidas pola Concellería figuran “o rearme da precarizada Casa da Xuventude, a contratación de grupos usuarios para concertos en Vigo en condicións dignas, a continuidade a longo prazo de Vigosónico e unha escoita activa por parte da Concellería de cara a mellorar e solucionar os problemas das bandas locais”. Tanto Grupos en Loita como nós seguiremos de preto o cumprimento, ou non, destas proposicións.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024