UVIGO
FILLOAS

Semana de Cine Submarino

19nov(nov 19)20:0021(nov 21)22:30Semana de Cine SubmarinoESPECTÁCULOS | De balde20:00 - 22:30 (21)(GMT+01:00) Sede Afundación

Detalles do eventos

A XXXII Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar do 19 ao 21 de novembro no auditorio da sede Afundación en Vigo.

O cambio de dirección do ciclo, que a partir de agora recae nos catedráticos da UVigo, Jesús Souza Troncoso e Elsa Vázquez Otero, e unha nova localización: o auditorio da sede Afundación en Vigo, son as grandes novidades do certame, que na súa primeira xornada homenaxeará ao seu director José Luis González cunha proxección sobre a súa vida e obra. Así mesmo, o certame incluirá por vez primeira unha actividade na Facultade de Ciencias do Mar, que albergará unha exposición de fotografía de Xaime Beiro e un coloquio co realizador José Irisarri.

Programa na web da Universidade de Vigo

Martes 19

O martes 19 de novembro o ciclo subirá o pano homenaxeando a quen foi o seu director durante 30 anos, José Luis González. Será coa proxección do documental José Luis González, unha vida baixo as augas do realizador Manuel Pedrosa Sánchez no que se descubre o impacto do traballo desenvolvido polo fotógrafo submarino, así como o seu labor de sensibilización sobre a importancia de conservar os mares. O documental baséase nunha recompilación das súas fotografías, que destacan pola súa calidade e conexión coa vida mariña.

Este mesmo día, proxectaranse outros dous documentais: El pecio Bou Ferrer de la Vila Joiosa: Un yacimiento extraordinario, que conta a historia do descubrimento e a investigación dunha das maiores naves antigas en escavación no mar Mediterráneo.

A primeira xornada completarase coa proxección de Proxecto Argos. Memoria e patrimonio baixo da ría, dirixido e realizado por Manuel Vázquez González e que pon en valor a importancia do patrimonio cultural subacuático da ría de Ribadeo.

Mércores 20

A segunda xornada da Semana centrarase na proxección de vídeos e documentais premiados no Ciclo Internacional de Cinema Submarino de San Sebastián 2023, Cimasub, e que regresa a Vigo por sétima vez. Indonesia Blue do cineasta austríaco Fabian Guggenberger, galardoado coa Varanda de Ouro á mellor curta e Os Catro Reis, o Santuario do Mar de Halmahera de Karlos Simón, achegarán aos espectadores ás augas de Indonesia, onde poderán descubrir algunhas das criaturas máis raras do planeta, así como os arrecifes de coral, ao tempo que se lles invita a reflexionar sobre o desenvolemento sostible e a resiliencia dos océanos. 

Strangest Things do realizador estadounidense Dustin Adamson, cos seus innovadores efectos e unha perspectiva que convida a cuestionar a percepción da realidade e As dúas caras de Tenerife do director canario Felipe Ravina, galardoado como Mellor Traballo de concienciación ecolóxica, no que ofrece unha poderosa reflexión sobre as amezas ambientais que enfronta a illa de Tenerife.

Xoves 21

O xoves 21, a Semana de Cine Submarino baixará a pano coa proxección do documental Islas Cies: biodiversidad amenazada de José Irisarri que se centra na progresiva caída de capturas de lagosta en augas de Galicia e do Cantábrico e que desapareceu das Cíes a mediados da década de 1980. As proxeccións complétanse con Marcados para sobrevivir, producida tamén por José Irrisari e dirixida por Manuel Uhía, un documental no que se abordan os avances científicos no estudo de peixes, raias e centolas na costa galega e de quenllas peláxicas no océano Atlántico.

Máis

Hora

19 novembro, 2024 20:00 - 21 novembro, 2024 22:30(GMT+01:00)

Localización

Sede Afundación

Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events