ASNEVES
REVISTA MAIO

VigoCultura volve ao Auditorio Municipal con 22 espectáculos

Como cada ano, Vigo contará con programación de teatro e espectáculos para o primeiro trimestre do ano, que se desenvolverá no Auditorio do Concello (Praza do Rei) todas as fins de semana entre o 19 de febreiro e o 1 de maio, excepto Semana Santa. Vigocultura conta con actuacións de teatro, maxia, circo, danza e monicreques para público adulto, infantil e bebés. A venda online de abonos ábrese mañá, xoves 21 de xaneiro e as entradas soltas poderán adquirirse a partir do 1 de febreiro.

O programa está composto por 23 compañías, que realizarán un total de 31 funcións, con 22 espectáculos diferentes e 31 días de programación que se desenvolverá durante 3 meses, desde febreiro ata o 1 de maio (ver catálogo aquí). Pese as restriccións de movemento e reunión ocasionadas pola pandemia, o Concello de Vigo decide seguir adiante co programa VigoCultura, reducindo a capacidade máxima a 81 butacas e duplicando os pases de todos os espectáculos para favorecer que estes cheguen a máis público.

Entre as pezas programadas atopamos forte presenza de compañías galegas e tamén viguesas, como Inventi Teatro, Anómico Teatro ou ButacaZero. A selección conta ademais con catro estreas mundiais e unha estrea en Galicia, así como con espectáculos premiados en diversos certames. É o caso da peza infantil de monicreques Orfeo y Eurídice, de La Canica, que recibiu o Premio FETÉN 2020 á mellor proposta dun clásico; a adaptación circense de La Celestina da compañía La escalera de tijera, premiada no Festival Nacional de Teatro Las Vegas Bajas; ou Esencial de Vaivén Circo y Danza, premio ao Mellor Espectáculo de Circo Troupe e a Mellor Música Orixinal da Asociación de Circo de Andalucía 2019. Aínda que prevalece o teatro, especialmente no apartado adulto, a danza tamén ocupa un lugar importante e, con motivo da celebración do Día internacional da danza, o 29 de abril, hai programados tres espectáculos desta disciplina: Pink Unicorns, de La Macana, o 23 e o 24 de abril; Nina Ninette, de Traspediante, o 25 de abril; e Leira, de Nova Galega de Danza, o 30 de abril e o sábado 1 de maio.

Como é habitual VigoCultura arrincará cun espectáculo de teatro para todos os públicos na rúa do Príncipe, única función do programa que terá lugar fóra do Auditorio Municipal. Os encargados de dar o pistoletazo de saída o venres 5 e sábado 6 de febreiro serán Inventi Teatro coa peza A gran viaxe, na que dous extraterrestres aterrarán por erro no centro da cidade. Seguirá con:

Soga e Cinsa, de Aporía Escénica (teatro, 19 e 20 de febreiro)
Emociones de hojalata, de Mar Rojo Teatro (teatro familiar, 21 de febreiro)
Anxos abandonados en mosaicos despois do combate, de Anómico Teatro (teatro, 26 e 27 de febreiro)
Riquete el del copete, de Higiénico Papel Teatro (teatro infantil, 28 de febreiro)
Programa 3×3: Vidas enterradas, L’om imprebís, Micomicón teatro corsario e Teatro del temple (teatro, 5 e 6 de marzo)
Italino Grand Hotel, de Companya la tal (teatro familiar, 7 de marzo)
32m2, de ButacaZero (teatro comedia, 12 e 13 de marzo)
Orfeo y Eurídice, de La Canica (monicreques familiar,14 de marzo)
O mozo da última fila, de Redrum Teatro (teatro comedia, 19 e 20 de marzo)
Semente, de Eme2 Emoción&Arte (teatro familiar, domingo 21 de marzo)
Celestina la Tragiclownmedia, de La escalera de tijera (novo circo, 26 e 27 de marzo)
Arrerrú, de Rilo & Penadique (bebés, 28 de marzo)
Sós, de Malasombra Producións (teatro comedia, 9 e 10 de abril)
Esencial, de Vaivén Circo y Danza (circo familiar, 11 de abril)
A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro (teatro, 16 e17 de abril)
Onde viven os monstros, de Os Náufragos (teatro familiar, 18 de abril)
Pink Unicorns, de La Macana (danza contemporánea, 23 e 24 de abril)
Nina Ninette, de Traspediante (danza familiar, 25 de abril)
Leira, de Nova Galega de Danza (danza contemporánea, 30 de abril e 1 de maio)

Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 € en xeral, 9 € no caso do Programa 3×3 (9 € cada día ou 15 € os dous días), e os dirixidos a público familiar de 5 €. As entradas soltas poderán adquirirse na plataforma Woutick a partir do 1 de febreiro. Por outra banda, mañá, xoves 21, poranse á venda en Woutick abonos de 5 ou 10 espectáculos que gozarán dun prezo reducido. Co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 30% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.

Tanto as entradas soltas como os abonos tamén poderán adquirirse na billeteira do auditorio entre o 19 de febreiro e o 30 de abril (excepto Semana Santa) nos seguintes horarios:
· Venres e sábados: de 18:00 a 20:00 horas.
· Domingos: de 10:30 a 12:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.