REVISTA NADAL

Vigo queda fóra do mellor da cultura galega e sitúase en último lugar a nivel estatal

Como vén sendo habitual, Vigo queda fóra do mellor da cultura segundo o informe do Observatorio de la Cultura, unha iniciativa das asociacións La Fábrica e Fundación Contemporánea. Non só iso: descende ao último lugar da clasificación de cidades españolas. Con todo, si que recoñen o labor de festivais dos arredores como o Sinsal ou Cans e destacan o HematoFesti como unha das novidades estatais a ter en conta. Podes descargalo aquí.

Nacho Vigalondo na gala do HematoFesti | P. Cermeño

Fundación Contemporánea presenta o seu informe anual sobre o mellor da nosa cultura en 2024 segundo os seus profesionais. O Observatorio de la Cultura elabora desde 2009 unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das nosas cidades e comunidades, ás institucións e acontecementos culturais máis destacados do ano ou á evolución anual dos orzamentos das organizacións do sector.

Nesta nova edición do Observatorio de la Cultura o cuestionario foi contestado, durante os meses de novembro e decembro de 2024, por 461 membros do panel, dos que un 43,7% traballan nunha organización cultural pública, un 34,7% nunha organización cultural privada e o 21,6% restante como profesionais independentes do sector.

Estes 461 profesionais deixaron, outro ano máis, a Vigo fóra do mapa cultural de Galicia e de España. A única mención á nosa cidade atopámola na sección novos proxectos culturais, onde sinalan o HematoFesti como un dos eventos a ter en conta a nivel nacional. Curiosamente, non merece un espazo na lista do mellor de Galicia.

Alén de que a nosa cidade ten un potencial cultural moi desaproveitado, en especial por parte das entidades públicas, non deixa de resultar rechamante como ano tras ano as mesmas propostas (con pequenas variacións) conforman a lista: Cineuropa, Cidade da Cultura, CGAC, O Son do Camiño, Sinsal, Cans, Númax, S8, FIOT, Cortocircuíto, Teatro Rosalía de Castro, MIT, Escenas do Cambio… Sen ánimo de ser desconfiados, semella que moitos dos profesionais non visitan novos eventos e espazos dun ano para outro e acaban por acudir (e votar) sempre aos mesmos lugares.

Festival Sinsal, un dos eventos habituais da lista | P. Vázquez

Como xa mencionamos o ano pasado, co gallo da publicación do Observatorio de la Cultura 2023, o informe pasa por alto propostas ben interesantes como o festival Underfest, o Galician Freaky Film Festival, o Pequeártiko, os Multicines Norte, o Festival Creativa, o labor sociocultural de EMAÚS, a asociación Évame Oroza, o Musicav ou o TerraCeo, por citar só algúns exemplos. Mesmo fóra de Galicia, pero organizado por galegos e cun cartel 100% en galego, o Festival EmigraSon tamén podería ter un oco. Tamén é difícil valorar intanxibles como a escena musical da zona de Churruca, que todas as semanas programa numerosos concertos e fai de Vigo a cidade máis musiqueira de Galicia.

No 2022 o museo MARCO, grazas á súa exposición sobre Francisco Leiro, alzouse na oitava posición neste mesmo informe. Sen contar este feito, Vigo non volve aparecer nesta compilación ata o ano 2017, co MARCO de novo. Na clasificación de cidades de toda España, Vigo descende da 26ª á 41ª posición (o último lugar), mentres que A Coruña ocupa o posto 11º e Santiago o 14º, o mesmo que en 2023. Galicia sitúase en sexto lugar a nivel autonómico, igual ca o ano pasado.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.