Vigo Porté atravesa o atlántico nunha edición que consolida a súa proxección internacional
Vigo Porté dá un salto internacional este ano, concedendo catro becas con acceso directo á final mundial de Azul Fest World Championship en Arxentina. A gala en Vigo arrancará o xoves 24 de abril e continuará o venres e sábado, tendo lugar o domingo 27 a gran Gala Final onde se entregarán todos os premios e becas nacionais e internacionais.

Vigo Porté 2025 xa está en marcha. A presentación desta nova edición, celebrada no Centro Comercial Vialia, serviu como punto de partida para un programa que un ano máis reunirá no Auditorio Mar de Vigo a algunhas das mellores escolas de danza de España e Portugal. En concreto, haberá máis de 1.000 participantes e un total de 421 coreografías rexistradas, consolidándose, así como un dos eventos de danza máis importantes do territorio nacional.
Unha das grandes novidades de Vigo Porté 2025 é o seu salto internacional: este ano concederanse catro bolsas con acceso directo á final mundial de Azul Fest World Championship, que se celebrará en Córdoba (Arxentina). O propio Marcelo Simón, director do festival, púxose en contacto coa organización tras descubrir Vigo Porté nunha procura con intelixencia artificial como un dos eventos de danza máis destacados de Galicia e de España. A súa dimensión convérteo, asegura, nun espazo ideal para establecer sinerxias no ámbito das artes escénicas.
UN PROGRAMA CHEO DE TALENTO
Vigo Porté 2025 arrincará o xoves 24 de abril pola tarde, continuando o sábado 26, coas Master Class no Auditorio Mar de Vigo, que este ano contarán con artistas como Lauren Montero (Lírico e Acro Lírico), Juan Polo (Ballet Clásico), Toni Espinosa (Jazz Musical) e Cristian & Mario (Urban). Por outra banda, do 25 ao 27 de abril celebrarase o 5º Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo, nas súas categorías Mini, Infantil, Junior e Absoluta, con disciplinas como Acro, Clásica, Folclore, Fusión, Lírica, Musicais + BSO + Canto e Urbana.
O xurado estará composto por figuras recoñecidas a nivel nacional e internacional: Ángel Lara, Arantxa Carmona, Christian Sánchez, Cristian & Mario, Isa Belui, Juan Polo, Lauren Montero, Toni Espinosa e Yana Olina.
A gran Gala Final Vigo Porté 2025, presentada pola xornalista galega Laura Vaqueiro, celebrarase o domingo 27 pola tarde. Nela entregaranse todos os premios e bolsas nacionais e internacionais, incluíndo institucións como o Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Ballet Nacional de España, The Place Dance Studio, Madrid Dance Center, Exhilar8 (Xibraltar), CYD (Reino Unido), IDANCE (Granollers) e, como novidade, Azul Fest World Championship (Arxentina). Tamén se fará entrega do Premio Portamérica, elexido por representantes de Esmerarte, e do cheque solidario a ASEM Galicia, reforzando o compromiso social de Vigo Porté, que se materializa por primeira vez de forma oficial.