VIALIA
bannerPicnicSesions

O Barbeira Season Fest presenta a súa segunda edición nunha paraxe extraordinaria

Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa de presentación do Barbeira Season Fest, que nesta segunda edición celebrarase na península de Santa Marta, en Baiona, o sábado 19 de setembro. Unha paraxe ampla e fermosa que permitirá gozar con seguridade deste festival de pequeno formato no que actuarán La La Love You, Lisasinson, Ortiga e Ginebras.

Esta mañá ás 11:30 presentouse en Baiona un dos festivais máis singulares do verán galego, o Barbeira Season Fest . Un certame afeito xa a resistir ante a adversidade. Se o ano pasado un temporal fixo que o festival se tivese que trasladar da praia ao Parador de Baiona en poucas horas, este ano vese na obriga de cambiar a outro emprazamento distinto por culpa da crise sanitaria. Celebrarase, contra todo prognóstico, na Península de Santa Marta o 19 de setembro.

O acto foi conducido pola xornalista Teresa Cuiñas, que deu paso aos diferentes invitados do acto: o alcade de Baiona, Carlos Gómez, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, o director do Festival, Isaac González e os artistas Basanta e Ortiga. Este último, en representación do cartel deste ano, e o vigués Basanta como primeiro adianto da próxima edición no 2021. Ortiga mostrouse moi contento de que a cultura non cese, xa que tanto el como milleiros de profesionais dos sector teñen o mal costume de “comer tres veces ao día”.

REVISTA ABRIL

Desde o concello de Baiona recalcaron na importancia de seguir facendo este tipo de eventos a pesar da situación, ou como indicou a concelleira Miriam Costas, “temos que refuxiarnos na cultura“. Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez destacou o gran grupo humano que hai detrás do festival e agarda que este sexa un paso máis na “aposta clara pola desestacionalización do Concello“, que busca seguir atraendo xente máis aló das datas estivais.

O director do festival, Isaac González, comentou que o cartel foi confeccionado de forma conxunta por todo o equipo de Elemental Chefs: “o cartel é unha festa para nós, programamos os grupos que nos gustan e os que nos fan bailar na oficina”. Engadiu tamén que o espazo deste ano é de 7000 metros cadrados, polo que poderían caber unhas 1000 persoas, pero decidiron seguir apostando polo pequeno formato. A capacidade máxima é, finalmente, de 350 persoas. Como desexos, Isaac pediu que o sábado 19 non chova (a diferencia do ano pasado), e que o ano que vén o certame poida alongarse a dous días en diferentes localizacións, como a praia de Barbeira ou o Parador de Baiona.

O festival abrirá portas ás 14:00, onde estarán Cociña Ourense saciando o apetito dos asistentes e Paula Docampo DJ picando algo de música. Ás 16:00 comezará Ortiga, que virá seguido de Lisasinson, Ginebras e La La Love You, nesa orde. Os concertos terán unha duración entre 45 minutos e unha hora e cuarto. Para rematar a xornada, volverá Cociña Ourense e Elemental Session.