VEGANA

O Festival de Cans volve coa súa edición máis internacional

O Festival de Cans chega a súa 18 edición cunha aposta moi internacional. A nova edición do certame terá entre os seus nominados a cineastas de diferentes lugares do mundo, entre eles Israel, Brasil, Portugal ou Colombia. A súa celebración será do día 1 ao 4 de setembro.

Este ano o Festival de Cans volve coas pilas cargadas, co obxectivo de ir recuperando o ritmo anterior á pandemia. Durante os seus catro día de duración, o certame ofrecerá preto de 40 actividades, desde proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios. Ademais, este ano recuperaranse algúns dos espazos máis emblemáticos doutras edicións, como o Baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso ata sumar 11 espazos.

En total participarán este ano no certame 15 curtametraxes, que formarán parte da sección oficial da competición de ficción e animación no Festival, 8 estrearanse en Cans. Entre elas están ‘What a Circus’, dirixida pola coruñesa Anita Pico, que supón a estrea en España desta obra seleccionada por un programa de Xoves talentos da BBC; ‘Retorno a Eleusis’, animación de Borja Santomé, gañador de Cans en 2018, ou ‘Deux Options’, obra do vigués Gon Caride, seleccionada en numerosos festivais internacionais.

Xunto a estas 15  curtametraxes participan noutras seccións competitivas do certame as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición. Ademais, 20 videoclips competirán polo premio do xurado na Noite Lasal dos videoclips, un vibrante escaparate da música do momento en Galicia. Fóra de competición, Cans acollerá a estrea de catro longametraxes:

O público do Festival de Cans poderá participar nun coloquio co realizador brasileiro Kleber Mendonça Filho, premiado en Cannes e unha das figuras máis relevantes do panorama do cinema mundial. Ou cos irmáns galegos Jorge e Pepe Coira, que xunto a Gaspar Broullón estrean no Festival o documental ’Beiras, vivir dúas veces’. O veterano político galego a cuxa vida se aproximan nesta longametraxe tamén participará nun coloquio co público logo da estrea do filme. Tamén manterá un coloquio cos asistentes ao Festival o hispanista Ian Gibson, figura central de ’Donde acaba la memoria’. A película documental, asinada polo director vigués Pablo Romero-Fresco, volve sobre os pasos do mítico cineasta Luis Buñuel a Las Hurdes (Cáceres). Cabe destacar no ámbito internacional  a presenza do portugués Nuno Beato, que presentará avance do seu filme, e a participación da realizadora israelí Imbar Horesh.

Como todos os anos, os profesionais do audiovisual e da cultura volverán percorrer en chimpín unha aldea de cinema que este ano homenaxea no seu Festival ao realizador galego Jorge Coira, ao actor Tamar Novás, e á veciña Marisol González, unha das moitas que levan anos apoiando con compromiso e desinterese o desenvolvemento do Festival.Tamén será homenaxeado o inesquecible Silvino González, o colocador das estrelas, veciño da aldea e tristemente falecido hai pouco tempo.

REVISTA OUTUBRO

As medidas de prevención da COVID-19 estrán vixentes no festival, sendo o tapabocas obrigatorio en todas as actividades do evento, e contando coa redución do aforo ao 50 %, mesmo nos chimpíns, nos que non poderán subir máis de 4 persoas a un tempo.