CAMELIAS MASCOTAS

Vigo maquilla as súas medianeiras con arte internacional

As medianeiras de Vigo volven encherse de cor. Dende fai uns días fixéronse ou están en proceso 15 graffitis en distintos edificios de Vigo, seguindo coa proposta do festival urbano ‘Vigo Ciudad de Color’, que dende hai 3 anos coloca coloridos debuxos onde antes so había paredes agrisadas. A idea é cederlles estes espazos a artistas locais, nacionais e internacionais para tratar de “maquillar” un dos sinais identitarios do feísmo galego, as medianeiras.

AVENIDA GALICIA

O artista arxentino Mr Kern é o encargado de darlle cor a esta enorme medianeira situada na Avenida de Galicia. Ademais de artista do graffiti, tamén é ilustrador e debuxante de cómic. Entre as súas influenzas están o cómic underground dos 80, o surrealismo e Diego de Velázquez. Polo xeral, traballa en papel ou directamente nas paredes en acrílico, aínda que tamén domina outras ferramentas.

RÚA URZÁIZ

En pleno centro de Vigo podemos atopar xa rematada a obra de Louis Lambert, unha pintura chea de cor situada xusto na medianeira ao lado do convento das Siervas de Jesús. Este artista francés combina as influenzas punk do graffiti con reminiscencias da arte relixiosa vernácula.. As súas obras, populares e refinadas, destacan polo seu colorido e polas formas abstractas, que traen á rúa un espírito alegre e enxeñoso.

AVENIDA ATLÁNTIDA

Dende a rotonda da Avenida Atlántida poderemos ver o mural de Popay, un pintor, graffiteiro e deseñador gráfico barcelonés cuxas obras chaman a atención polo visceral e orgánico da proposta. É un artista polivalente que utiliza todo tipo de técnicas e superficies para levar a cabo as súas obras, moi coloridas e dunha beleza caótica.

RÚA PINO

A artista santiaguesa Nana foi a encargada de cubrir a medianeira na que finaliza a rúa Pino. Con gran experiencia no mundo da ilustración e do graffiti, as súas obras , orgánicas e coloristas, destacan pola súa mensaxe social e feminista. O cal as fan inconfundibles.

RÚA CASTRELOS

Antonyo Marest destaca pola súa polivalencia: domina o street art, graffiti, interiorismo, gráfica, téxtil, fotografía, escultura e cinema. Dentro da súa obra, dálle moita importancia ás figuras xeométricas e ás referencias ao Bolidismo, unha corrente arquitectónica e industrial dos anos 80. Fai combinacións de cores de forma esaxerada, irregular e rompedora.

RÚA TOMÁS PAREDES

Na rúa Tomás Paredes atopamos un dobre graffiti de Mon Devane, nos que vemos a dúas persoas maiores bebendo dunha cunca, supomos que viño. O artista ourensán destaca pola utilización de poucas cores, sendo habituais o morado e o azul claro, e polo carácter realista dos seus retratos. A cultura popular galega está moi presente nos seus debuxos.

RÚA GERARDO CAMPOS

O grupo artístico Boa Mistura, con base en Madrid, caracterízase polas súas intervencións en espazos públicos, traballando en ocasións para organizacións como como a ONU, a ONCE, Oxfam, Green Peace ou a Cruz Vermella. Para eles transformar a rúa é unha forma de crear vínculos entre as persoas. Na obra que están a realizar na nosa cidade escóndese unha mensaxe oculta que so pode ser visible dende unha perspectiva concreta.

RÚA CATALUÑA

A ilustradora e artista gráfica polaca Susie Hammer foi a encargada de decorar a medianeira da Rúa Cataluña que da á Rúa Jenaro de la Fuente. No seu traballo, de aparencia minimalista e infantil, combina as formas simples coas cores vivas, a través das cales quere contar historias. Ademais deste tipo de pinturas, tamén ensina arte na escola, traballa para editoriais e fai distintos traballos por encargo.

TÚNEL BEIRAMAR

O túnel de Beiramar, ao lado do Auditorio, está a ser cuberto pola artista santiaguesa Lidia Cao. Na súa obra atopamos retratos, figuras femininas e miradas de gran profundidade. Dependendo de se a obra é para un formato pequeno ou grande, o seu estilo varía moito. No caso dos murais, opta por un trazo máis animado e colorista, como o que veremos na nosa cidade.

PAVILLÓN COIA

O deprimido Pavillón de Coia está a sufrir un lavado de cara da man do artista galego Mingos Teixeira, de marcado carácter persoal e cunha obsesión pola cor e pola composición para expresar novos camiños artísticos. Ademais de artista, é recoñecido pola súa labor de divulgación e actividade académica ao redor da arte, achegándoa sempre aos máis novos.

IES VALADARES

Coa axuda dos alumnos e alumnas do centro, Iria Fafián encheu de cor e flora o muro exterior do IES Valadares. Nacida en Cataluña pero crecida en Galicia, pon especial atención tanto no fondo como na forma, no concepto como no estilo. O seu trazo é persoal e versátil, sempre en continua renovación.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.