Vigo, fogar de panxoliñas
Admitámolo. A ninguén lle gustan as panxoliñas. Esas melodías de sobra coñecidas por todos e todas, cantadas por voces excesivamente agudas e que, por se fose pouco, temos que escoitar obrigatoriamente pola rúa durante o Nadal. Por sorte, algúns artistas locais, invadidos polo espírito natalicio, dan renda solta á súa creatividade co fin de aliviar os nousos ouvidos nestas datas tan sinaladas.
SINIESTRO TOTAL – “A FUN FUN A FAN FAN”
O grupo máis famoso da cidade compuxo esta particular panxoliña para o seu primeiro disco, ¿Cuándo se come aquí?. O motivo foi que a súa discográfica daquelas, Dro, realizaba un disco deste tipo de cancións a finais de ano, e aproveitaron os tres días que pasaron nos Estudios Colores de Madrid gravando o LP para rexistrar este tema.
THE SOUL JACKET – “JINGLE BELLS”
A banda viguesa, con Toño López á voz, foi a encargada de versionar, co seu recoñecible estilo, esta clásica panxoliña no anuncio de Nadal de Estrella Galicia no 2017.
ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS – “NO PENDELLO”
E falando de anuncios, a marca galega Deleite escolleu a Eladio e os seus para realizar esta versión da nosa panxoliña No pendello, filmada na Casa de Arriba.
TONY LOMBA & ELIO DOS SANTOS – “VIVO LA NAVIDAD”
Seguindo con Eladio, cada Nadal nos trae unha nova canción xunto co seu fiel camarada Tony Lomba. A do ano pasado é especialmente propicia para estas datas.
OSCAR AVENDAÑO E LOS WAVY GRAVIES – “XA CHEGOU O NADAL”
No 2017 o selo Xonix Records lanza Nada (L). 13 Panxoliñas Orixinais de 13 Bandas Galegas Actuais, co fin de actualizar o cancioneiro natalicio. Neste proxecto participou o músico local Oscar Avendaño acompañado de Los Wavy Gravies, cos que na actualidade forma a banda Bo Derek’s, cunha panxoliña do máis rockeira.
INDY TUMBITA & THE VOODOO BANDITS – NAVIDAD ON FIRE
Tanto no 2019 como no 2020, esta banda de surf rock maiormente instrumental lanzou senllos EP con panxoliñas titulados Navidad On Fire. O primeiro contén versións de “Last Christmas”, “Fum Fum Fum” e “Blanca Navidad”, mentres que o segundo volume contén “Ya vienen los RRMM”, “Jingle Bells” e “Campana sobre campana”.
DENIS CARBALLÁS – “SALVAR LA NAVIDAD”
O cantautor vigués, membro de The Riggos, tamén é un habitual neste tipo de composicións. No 2018 lanzou as cancións “Fotosensible” e “Ya llegó la Navidad”; no 2019 “Escaparme en Navidad” e “Yo era Papá Noel”; e este ano compuxo “Salvar la Navidad”, un tema de candente actualidade.
BROKEN PEACH – CHRISTMAS SPECIAL
Este popular septeto tamén é moi dado a versionar panxoliñas e cancións famosas de Nadal. Sen ir máis lonxe, este ano lanzaron o EP Christmas Special con sete temas, entre os que figuran o omnipresente “All I Want for Christmas is you”, “Jingle Bell Rock”, “Santa Claus is Coming to Town” ou “Rockin’ Around the Christmas Tree”, ademais de facer un directo online interpretando estas cancións hai uns días.
CORO MERAKI – “THAT’S CHRISTMAS TO ME“
Meraki é un coro de xóvenes músicos da zona de Vigo e arredores, formado en decembro de 2019 e dirixido por Juanjo Rodal. A pesar de non poder debutar aínda en concerto debido á pandemia, non queren perder a oportunidade de compartir a súa música cos demais.
OESTE – ME DA IGUAL, ES NAVIDAD
Os músicos vigueses Luis Basilio (Los Nastys) e Antía Van Weill (Bifannah) publicaron hai uns anos esta relaxada panxoliña .
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024