REVISTA ABRIL

Descubre o encanto da Senda das Greas, fogar do primeiro reino medieval de Europa

A primeira ruta desta nova edición do Camiño a Camiño terá lugar o domingo 2 de outubro coa primeira etapa da Senda das Greas (GR-58) entre Vigozoo e San Esteban de Negros. As seguintes seis etapas realizaran tramos da citada senda, que permite coñecer de preto a riqueza natural e paisaxística a carón de Vigo, así como o feito de que nestes lugares albergouse o primeiro reino medieval de Europa.

Co arranque do mes de outubro tamén bota a andar a programación de Camiño a Camiño para o outono 2022 promovida pola Concellería de Medioambiente de Vigo.  Nesta edición vaise realizar a Senda das Greas (GR-58) en sete etapas, cubrindo un total de 75 km dos máis de 200 km que ten este sendeiro de gran percorrido ao longo dos concellos da Área Metropolitana de Vigo. Pasarase por algúns espazos de grande interese natural e paisaxístico, así como por algúns puntos que nos van retrotraer a cando o sur de Pontevedra foi o primeiro reino medieval de Europa. 

REVISTA ABRIL

A primeira etapa celebrarase o 2 de outubro con saída desde Vigozoo ata San Esteban de Negros (Redondela), atravesando os montes de Candeán e de San Esteban de Negros, percorrendo un espazo particularmente interesante desde a perspectiva patrimonial. En concreto, pasarase pola mámoa de Vixiador e pola mámoa do Rei, así como polo Castro de Negros. Este roteiro ofrécenos unha das panorámicas da ría máis fermosas desde o miradoiro do Castro de Negros, onde visualizar a Ensenada de San Simón ata a Serra do Galleiro e o Val da Louriña. As seis seguintes etapas continuarán percorrendo a fermosa Senda das Greas ata o seu final en Baiona.

Estas rutas non son as únicas actividades propostas polo programa Camiño a Camiño. As hortas urbanas proseguirán a súa actividade habitual en horario de inverno (de 10 a 13 horas polas mañás e de 16 a 19 horas polas tardes) en Navia, Fontáns, Pedro Alvarado, Sardomela, Ramón Nieto e Camelias. Para poder participar nas mesmas é preciso realizar o curso básico de hortas urbanas. As persoas interesadas no citado curso poden consultar nas propias hortas ou premer aquí

Tamén seguen as actividades de voluntariado medioambiental no Monte da Guía, nos sendeiros locais, na caneira municipal ou en Vigozoo (máis info aquí). Para poder participar é preciso realizar o curso de iniciación ao voluntariado medioambiental previsto para o xoves 29 de setembro, as 17:00, en Vigozoo.

As inscricións para todas estas actividades pódense facer no 010 (986 810 260 dende móbil) durante a semana previa a cada unha delas, iniciándose o luns 26 de setembro.