Vigo conmemora a Revolución dos caraveis
Cada 25 de abril Portugal celebra o fin da ditadura de Salazar mediante un levantamento militar que recibiu o nome de Revolución dos cravos. En Vigo conmemorase no Instituto Camões e cunha concentración popular para cantar o himno da revolución, ‘Grândola, vila morena’
A Revolución dos Caraveis (Revolução dous Cravos, en portugués) foi o movemento militar, político e popular que acabou coa ditadura de Salazar en Portugal o 25 de abril de 1974. Tratouse dun levantamento sorprendemente pacífico no que os soldados colocaron caraveis nos seus fusís, indicando a intención de non disparar, mentres tomaban as instiutucións en Lisboa e outras cidades portuguesas. Por ese motivo converteuse nun símbolo internacional da loita contra a opresión e a inxustiza que cada ano se celebra arredor do mundo. En Vigo, haberá varios eventos conmemorativos diante do MARCO e no Instituto Camões, todos eles abertos ao público.
Exposición ‘Os cartazes do 25 de abril’ – Inauguración ás 19h no Instituto Camões.
Nesta mostra estarán expostos carteis conmemorativos do 25 de abril que foran publicados ao longo dos anos en Portugal, creados por artistas recoñecidos. Ademais do contido reivindicativo e social desta colección de carteis, pódese tamén apreciar a evolución artística durante as últimas décadas e as diferentes técnicas utilizadas e que son un reflexo das tendencias plásticas na impresión de propaganda política e na ilustración.
Concentración para cantar Grândola Vila Morena – Ás 20h diante do MARCO
A canción ‘Grândola, Vila Morena’, de Zeca Afonso, foi o contrasinal utilizado polo Movimento dos Capitães para iniciar esta revolta contra Salazar. A canción, que fala de fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentejo, fora prohibida polo réxime por considerarse un himno comunista. O 25 de abril de 1974 a Rádio Renascença, emisora católica portuguesa, retransmitiu o ‘Grândola, Vila Morena’ en sinal de derrubamento do réxime.