CASAACUNHA

Vigo, cidade de cor: Vinte mil leguas de mural

Os veciños da Avenida da Florida contan co privilexio dun acuario de 120 metros de longo, co mural inspirado nas Vinte mil leguas baixo dos mares de Xulio Verne, pintado en 2016 polo trío de artistas Gonzalo Alonso, Álex Fernández e POW

«Basicamente buscábamos unha temática que resultase agradable para o transeúnte e fose acorde coa cidade», asegura Gonzalo Alonso ao preguntarlle sobre a orixe da idea. Segundo a xente que convive día a día coa súa obra, parece que acertaron de pleno. «Xa non imaxino esta rúa doutro xeito, é unha marabilla», espeta a señora Carmen ao ser preguntada pola súa opinión sobre o mural. Ela pasa algunhas tardes sentada nun banco xunto a un buzo con escafandro. A súa relación coa obra é moi directa. Estas relacións son as que fan que a arte urbana teña unha grande acollida na nosa cidade durante os últimos anos. Os grafiteiros xa non son vistos como vándalos, senón como artistas. Como di Gonzalo, «non hai vandalismo na arte urbana, o que hai son canalladas feitas con spray». A xente comeza a darse conta desta realidade e a diferenciar a arte do vandalismo, aínda que a barreira poida resultar un pouco difusa. «Creo que é unha cuestión de gustos». Fala Álex Fernández. «Se pinto na porta da túa casa algo que che encanta, é vandalismo? E se pinto algo que non che gusta nada?». 

Banner A Movidiña

O que está claro é que esta obra conxunta na Florida está a gustar a todo o mundo. Non foi así ao principio: «algunhas persoas do barrio que che botan unha rifa o día que empezas a pintar, felicítante uns días despois», comenta Álex. Os tres artistas lembran o arduo traballo para rematar eses 120 metros de muro: «moita calor e moitas horas, xa que ao ser un mural a pé de rúa debe ser máis rico en detalles e matices». Detalles e matices dos que cada día desfruta a señora Carmen, entre varios centos de persoas. 

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Outubro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)