VIALIA
PLAYDOC

Vigo, cidade de cor: Peri Helio

O autor da obra que nos ocupa é licenciado en Matemáticas na especialidade de Astronomía. Este dato non é banal, senón que achega unha boa introdución para comprender as súas obras, que converxen a crítica social cun fondo respecto pola natureza, conformando unhas composicións moi persoais perante as que hai que deterse un bo cacho para as poder comprender. Nesta ocasión, falamos dunha pintada sobre o exterior do CEIP Illas Cíes, que supón unha boa mostra do estilo de Peri Helio. Comprender toda a mensaxe oculta nesa parede é unha tarefa tan complicada como satisfactoria. Para intentar explicala en palabras, o autor recorre a definir os conceptos elixidos para o título, Xénese e Gnose:

«Xénese: creación, inicio, nacemento. Inspirada na orixe e a expansión do cosmos, esta obra versa sobre a creación dos multiversos —universos dentro doutros universos— partindo do plasma orixinario no que materia e enerxía conforman un todo, concentradas e encerradas, esperando o momento idóneo para a posterior expansión. Este mural tamén se presenta como unha metáfora sobre o proceso de formación dos universos interiores que alberga todo ser. Ese universo que nos define e asolaga, apartándonos do baleiro e da inexistencia, conformando a nosa esencia.

Gnose: entendemento. A obra toma como base unha teoría que dá explicación á natureza de canto nos rodea, expoñendo a existencia de multiversos que, a modo de fractais, conformarían o noso cosmos e que aparecen representados a través de construcións que, aboiando entre os astros, encerran asemade novos universos. Tamén están presentes as conexións entre eses multiversos, representadas por medio de camiños ou pontes que comunican as construcións. Arquitecturas imposibles que, ademais, simbolizan unha cuarta dimensión espacial, facendo posibles as conexións entre universos tridimensionais».

Peri toma moi en serio o seu traballo, así como a arte en xeral. Nas súas propias verbas: «Entendo a street art como unha disciplina de suma responsabilidade na medida en que as intervencións ocupan un espazo público e teñen, por tanto, a obriga de achegar á cidadanía un contido cultural que dista moito das intervencións puramente estéticas». Porén, bota moito en falta que desde as institucións tomen a arte tan en serio coma el: «En Vigo xerouse unha importante actividade cultural á marxe das institucións que, ao meu modo de ver, é a que consegue manter viva a vida cultural da cidade: concertos, danza, exposicións, teatro… Grazas ao enorme esforzo de creadores, iniciativas e locais privados que os apoian, logran darlle acceso á xente a contidos culturais vangardistas, verdadeiramente enriquecedores, a pesar das trabas dun goberno municipal que entorpece ou, no mellor dos casos, ignora este labor». Oxalá haxa máis xente tan comprometida coa arte coma Peri.

REVISTA ABRIL

O MURAL ESTÁ NO EXTERIOR DO COLEXIO ILLAS CÍES, NAS PAREDES QUE DAN Á RÚA DE MARTÍN ECHEGARAY.

Juan Teixeira
Fotógrafo documental e xestor cultural

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Xullo-Agosto 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)