REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Nove Noel

Continuamos o percorrido por algunhas obras de arte urbana da urbe, e chegamos ata as escaleiras que unen a rúa do Conde de Torrecedeira coa de Pi i Margall, onde atopamos unha obra colorista, de liña clara e depurada, cunha mensaxe que vai collendo consistencia na mente a pouco que nos fixemos. O culpable é Nove Noel, un artesán da imaxe nado en Rianxo que, aínda que estudou Comunicación Audiovisual, leva desde o 2008 pintando murais: «Desde a imaxinación subconsciente, a través da narrativa da arte secuencial, emerxen formas e gamas de cor que queren comunicar sentimentos, recordos e emocións do outro lado do espello», asegura. Arriba, os poderosos. Abaixo, os que sofren as consecuencias dos primeiros. A mensaxe é clara. Pero, por se quedase algunha dúbida, o artista explícanola: «A idea para o mural veu marcada pola historia do desmantelamento da industria naval en Vigo na década dos 80, todas as manifestacións e os acordos de poder que levaron a pechar fábricas e disolver sindicatos, precarizando o sector… sobre a loita de clases nestas situacións e tamén un pouco polo de vivir de costas ao mar».

Pintar na rúa é unha actividade que exerce unha profunda atracción en Nove Noel desde moi cativo: «Empecei escribindo o meu nome na rúa como a maioría de rapaces que tomaban contacto co graffiti. Para min, traballar no espazo público significa unha canle de comunicación moi potente co resto de persoas, co propio espazo e coa súa historia. Creo que ten que existir unha responsabilidade de utilizar esta ferramenta de forma adecuada». As formas, sen dúbida, son importantes. E aquí o artista lanza un dardo ao programa Vigo Cidade de Cor: «O interese por parte das institucións no mural como ferramenta de cambio ou para potenciar determinados aspectos dunha cidade, paréceme ben. Pareceríame aínda mellor se estas institucións contasen realmente con xente con experiencia en xestionar este tipo de accións e non efectuasen as súas decisións e xestión de recursos moitas veces desde o descoñecemento ou, peor, desde o interese económico».

Esta conexión coa rúa, que decantou o seu futuro profesional, sentiuna o artesán pintando o mural que nos ocupa: «Lembro un señor que vivía á beira do muro, que fora pintor tamén. Todos os  días pasaba por alí e charlabamos un intre sobre como ía a idea ou que de que cor pintaría esta ou estoutra zona… dábame consellos e contábame historias que lle pasaran.  É curioso como a xente establece conversacións tan facilmente cando estás a pintar na rúa, hai como unha escusa polo tipo de traballo que estás a facer que sae un pouco do habitual segundo certos contextos. Ademais. estar a pé de rúa sempre te achega á propia realidade da zona: os negocios, os veciños… todo o que pasa diariamente nese lugar en concreto. Por un período moi curto, sentes que es parte do espazo». Pois, por un período máis longo, a obra de Nove Noel será parte deste recuncho da cidade. 

REVISTA ABRIL

O MURAL ESTÁ SITUADO NAS ESCALEIRAS QUE UNEN TORRECEDEIRA CON PI I MARGALL.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Xuño de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)