COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Vigo, cidade de cor: Abi Castillo

Calquera que aquí ame a arte coñece hoxe o nome de Abi Castillo. Non porque xa falamos dela noutrora nas páxinas desta cabeceira, que tamén, senón porque é unha artista hiperactiva e cunha sensibilidade moi especial que transmite a todas as obras de seu, sexa cal for o soporte: cerámicas, lenzos, paredes… ou camisetas para o imperio do Amancio.

Cada unha das creacións da artista transpórtanos a un mundo natural e romántico, que asemade agocha algo, aínda que non saibamos moi ben o que. A ambigüidade sempre está presente. Isto sábeo moi ben a veciñanza da Travesía de Vigo, que teñen a sorte de contar con 700 metros cadrados de muro acabados de converter en arte por parte de Abi, onde conflúen varias das súas paixóns: muller, natureza e pintura. «A miña intención foi dar vida e cor á zona», asegura. E confirmamos que o conseguiu sobradamente. O tamaño do mural, tal e como nos conta, foi todo un desafío: «Cando o Concello me enviou a localización do muro que me tocou, pareceume todo un reto porque estaba a nivel de rúa e tamén era un espazo que se pode percorrer ao tratarse dos muros dunha escaleira que sube dunha rúa a outra». Nun primeiro momento, a xente non levou moi ben o corte das escaleiras: «A zona estaba bastante deteriorada e esquecida e teño que dicir que os primeiros días na rúa, subida á plataforma e coas escaleiras cortadas, non lles fixo ningunha graza aos veciños, que se queixaban e pasaban igual por alí, correndo o risco de manchárense; e eu non paraba de pedir perdón», comenta.

Porén, en canto se empezou a ver o que estaba a nacer neste recuncho esquecido da cidade, o ánimo cambiou: «Co paso dos días, todo o mundo se mostrou máis amable e ata conservo o contacto dalgunhas veciñas da zona, Pepi, Carmen e Chus, coas que tomei algún café, que me lembraban desde a xanela que se me ía a pasar a hora para comer e que me baixaban a merenda ou mesmo aos netos, para que visen como eu pintaba. Considero que todo forma parte desta experiencia e de pintar na rúa. Estar nun espazo público móstrache a opinión da xente e achégate a diferentes realidades; iso sempre é enriquecedor». Seguro que a veciñanza opina o mesmo.

O mural está situado nas escaleiras do Doutor Canoa (Travesía de Vigo, 107-109)

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Febreiro de 2020. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

SONRIAS
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)