Un grupo cidadán esixe medidas urxentes para o sector cultural
A iniciativa Comunidade Vigo está formada por un grupo de persoas que se organizan de maneira orgánica segundo as accións que se plantexen. Neste caso, o obxectivo é a aprobación por parte do Concello de Vigo de medidas urxentes para a protección da comunidade cultural, proposta para a que xa levan recollidas 135 sinaturas.
Por desgraza, aínda hai quen relaciona as actividades culturais (concertos, festivais, teatro, cinema…) coa irresponsabilidade. Mesmo organismos públicos, como o Concello de Murcia ou o Ministerio de Sanidade, lanzaron á rede carteis que culpaban directamente a estes sectores dos novos gromos que estaban a xurdir. A plataforma Alerta Roja #HacemosEventos está a organizar manifestacións por todo o Estado. No caso de Vigo, será este xoves 17 ás 19:30 en García Barbón, xunto as dúas torres do Círculo de Empresarios de Galicia. Podes descargar aquí a túa invitación.
Nun comunicado dirixido ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o pasado 3 de maio, por mediación dunha das axentes culturais da cidade e por medio de correo electrónico dirixido ao Concelleiro de Cultura, Emprego e Participación Cidadá, a inicitaiva local Comunidade Vigo propuxo “a aprobación e a dotación económica por parte do Concello de Vigo, como fixeron recentemente outros concellos (Sevilla, Barcelona, Oviedo, Valencia, Huelva, Palma, Madrid, Malaga, Murcia, Zaragoza, etc… ), de cando menos as seguintes medidas urxentes para a protección das persoas implicadas na vida cultural e a cultura como dereito e ben esencial obxecto das competencias e obrigas de garantía da administración local”.
O escrito, que podes consultar de maneira íntegra premendo aquí, divídese en oito puntos, que tentaremos resumir a continuación:
- Creación dunha “oficina de consulta”, servizo online ou teléfono de información dirixido á comunidade cultural así como a publicación de notas divulgativas sobre os criterios municipais relativos á cancelación ou suspensión das actividades contratadas ou pendentes de convenios de colaboración ata finais do ano 2020.
- Evitar, na medida do posible, a cancelación de actividades contratadas co tecido local e de proximidade, reubicar a súa celebración dentro da programación municipal e acordar o pago anticipado.
- Convocatoria urxente de subvención extraordinaria dirixida a persoas ou entidades damnificadas pola actual situación no ámbito da cultura incluindo creadoras, proxectos, espazos escénicos e musicais, librerías ou galerías de arte, con criterios de flexibilidade na súa execución así como acordar o pago de subvencións concedidas.
- A reorientación consensuada no interior dun proceso aberto e transparente, da programación pública de espectáculos e concertos, incluidos os programas de Festas de Vigo, nas anualidades 2020-2021 garantindo a presenza de artistas, bandas e compañías locais en alo menos un 60% das actuacións programadas.
- A dotación económica dun programa de adquisición de obras visuais, sonoras, videográficas, audiovisuais, de artes vivas e literarias para a provisión de fondos, coleccións, espazos e bibliotecas de titularidade municipal, cun xurado profesional independente de contrastada experiencia profesional e coñecemento das prácticas artísticas vivas da cidade.
- Dentro da acción pública levada a cabo polo Concello de Vigo respecto da creación dunha plataforma online de difusión das creacións profesionais de artistas da cidade de Vigo “Confinarte con Cultura”, de acordo coas recomendacións de entidades como a FECED, faise imprescindible a remuneración das artistas participantes así como a inclusión dunha correcta política legal do espazo web relativa á cesión dos dereitos de propiedade intelectual das autoras.
- A creación dun plan de cesión gratuita de espazos municipais para o uso da comunidade cultural como espazos de traballo para a investigación, produción, ensaio, etc que poida contemplar a realización dalgunha actividade dirixida á cidadanía como obradoiros, exposicións ou actuacións.
- O replantexamento do programa de eventos, gastos e contratacións relativas ao nadal reorientando a celebración das festas centradas no turismo e a afluencia de visitantes, cara á reconstrucción do tecido social e cultura local poñendo en valor o comercio, a cultura e a vida sostible e responsable na cidade.
En resumo, trátase de participar no deseño dunha política pública municipal, en cultura, máis sostible e redistribuída, centrada sobre todo, no fomento da liberdade fundamental de creación. De seguir así, proximamente atoparémonos cun sector totalmente devastado, con locais de todo tipo pechando en serie debido a meses de inactividade e restriccións excesivas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024