Ultramarinos – Lámina de iconas viguesas
As lendas de ultramar son parte da infancia de todo vigués, é complicado escapar ao magnetismo dos barcos que van e veñen a diario ao porto, cargados de viaxeiros coa súa equipaxe chea de historias.
Esta aventura en particular comezou unha tarde de verán calquera, durante un paseo polo Casco Vello da cidade. Rubén e Dani, dous vigueses do sector da comunicación e a publicidade, falan sobre a súa inestabilidade profesional e imaxinan como sería emprender un proxecto conxunto. O destino, nesta ocasión da súa parte, pon ante os seus ollos un impoñente cruceiro que acaba de chegar a porto e que enche os arredores de turistas curiosos por coñecer os segredos da cidade. Ante esta imaxe reveladora, ambos caen na conta de que os souvenirs que ofrece Vigo nese momento están anticuados e que darlles un aire máis fresco era unha tarefa da que eles mesmos poderían encargarse. A idea queda no aire nun principio, pero despois de varios golpes de sorte e de moito traballo, os souvernirs orixinais de Ultramarinos viron por fin a luz.
Nestes momentos, as pequenas marcas son as que máis están a apostar por dinamizar os nosos barrios e cidades, con deseño local e unha aposta polo arraigamento e a pertenza que nunca se poderá suplir coas propostas das grandes plataformas de compra en liña. Dentro desta proposta, esta marca crea marabillas: cuncas para o primeiro café do luns, imáns para adornar a nosa neveira, abridores para as cervexas máis fresquiñas, postais que poden voar de Galicia ao estranxeiro, láminas que cheiran a praia e soan a muiñeira… todas elas decoradas con motivos vigueses e galegos tan icónicos como o Sereo ou o feroz Dinoseto e co selo do noso folclore e gastronomía. Ademais, como novidade Ultramarinos está a piques de ultimar a súa primeira colección de totebags, que incluirá varios modelos diferentes con referencias ao mar, ao campo ou ao monte de Galicia. Aínda por riba, todas as bolsas son de tea ecolóxica.
Este ano é moi especial para Ultramarinos Deseño Galego (www.ultramarinos.gal) porque a marca cumpre xa cinco anos. Parabéns! Por iso, como produto «estrela» queremos mirar á nosa orixe e destacar a lámina dedicada ás iconas da cidade (15,00 €), que foi un o primeiro deseño da marca, co que levaron o concepto de «lembranza» ao máximo nivel. Nestas datas, os exiliados volven á casa por Nadal… ou non! Este ano o retorno é incerto. Para todos aqueles que marchan levando a maleta cargada de morriña, nada mellor que esta fermosa imaxe coa que levar encima a nosa cidade alá onde vaian. Deseño da terra polo mundo adiante.
Web: ultramarinos.gal
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024