VIALIA
CAMELIAS NADAL

Ultramarinos, souvenirs 100% vigueses cheos de encanto

A empresa de deseño viguesa Ultramarinos Deseño Galego continúa ampliando a súa oferta de souvenirs da cidade cunha ilustración ideal tanto para autóctonos como foráneaos. Leva por título Vigo Panorama e móstranos unha instantánea dun Vigo idílico con bosques frondosos no que sobresaen algúns dos seus edificios e monumentos máis representativos.

A maioría dos souvenirs, admitámolo, non son bonitos. Eses imáns para a neveira coa torre Eiffel, ou esas miniaturas do coliseo romano non son o cumio do deseño mundial. Afortunadamente hai quen busca revertir esta tendencia creando ilustracións diferentes, con estilo e agarimo. É o caso de Ultramarinos Deseño Galego, nada en Vigo a finais de 2015 co obxectivo de renovar o deseño e o concepto de souvenirs turísticos de Galicia e as súas cidades. Unha marca que sae do convencional para ofrecer produtos únicos que reinterpretan as iconas de Galicia, as súas cidades e vilas con referencias culturais, arquitectónicas, folclóricas e ata gastronómicas. A día de hoxe as tres principais cidades de Galicia (Vigo, A Coruña e Santiago) aparecen retratadas nos seus diseños, que constan de láminas, tazas, bolsas de tea, imáns, cadernos, chaveiros, cuncas, espellos, marcapáxinas, abridores ou postais.

CAMELIAS NADAL

A súa última creación é Vigo Panorama, unha ilustración (que podemos mercar como lámina, taza, bolsa, imán, postal ou caderno) que nos mostra unha panorámica vertical dun Vigo reinterpretado aos ollos dos deseñadores de Ultramarinos. A diferenza da realidade, o verde sobresae nunha imaxe na que distinguimos, de arriba a abaixo, a ponte de Rande, a ermida da Guía, o Castro, a Farola de Urzaiz, a Cidade da Xustiza, os cabalos de Praza España, o pazo Quiñones de León, o teatro García Barbón, a panificadora, o Sereo, a Porta do Atlántico de Praza América, o museo Marco, a Colexiata, os guindastres do porto, as vivendas pesqueiras do Berbés, o Museo do Mar e, para rematar, as illas Cíes.

Fronte ao minimalismo e a sinxeleza da primeira colección (Iconas), Vigo Panorama supón unha explosión de cor que representa á cidade olívica no seu máximo esplendor. Esta última creación forma parte da nova linea Panorama de Ultramarinos, con coleccións dedicadas a Santiago de Compostela e A Coruña, cidade que se incorpora ao fin aos “deseños de ultramar”.

Outra das creacións máis orixinais de Ultramarinos, tan de actualidade estes días polo colapso circulatorio da cidade, é o mapa dun metro ficticio de Vigo.