CAMELIAS MASCOTAS

Tres novos percorridos polo Vigo literario

Coñecer Vigo a través da literatura. Ese é o obxectivo dos paseos literarios que organiza a Oficina de Normalización Lingüística. Tres percorridos a través dos que os autores dos libros ensinarán a zona do Ensanche, a parroquia de Lavadores e a de Teis.

A primeira ruta literaria celebrarase o vindeiro sábado día 24 e será guiada por Clara Roxo que achegará aos participantes á historia do ensanche vigués a través da súa novela ‘Sombras no ensanche’. A escritora María Lado será a encargada de encabezar o percorrido polo Lavadores de ‘Entre os dous hai un río’, o sábado 7 de abril. Por último, a historia de Teis será contada por Francisco Castro o sábado 21 de abril, que no libro ‘Barricadas de sal’ fala dos artilleiros e do movemento obreiro.

REVISTA NOVEMBRO

Clara Roxo a través da personaxe da súa novela, Xocas, contará a historia que se agocha tras os edificios e museos que compoñen o centro neurálxico da cidade. O derrubamento da muralla no ano 1861 marca o comezo dunha nova cidade. O Ensanche é o resultado da necesidade de crecer da urbe olívica. A burguesía industrial comezou a acadar influencia e mandou construír edificios aos máis prestixiosos arquitectos da cidade, para que reflectisen o seu status e o seu gusto polas correntes artísticas europeas como símbolo de modernidade.

A ruta deste sábado partirá ás 11 da mañá dende ‘Detrás do Marco’ na rúa Londres. Nun percorrido de dúas horas pasará por Príncipe-Porta do Sol, baixada pola rúa de Carral, Alameda, rúa do Areal ata o edificio Bonín, subida pola rúa do Porto ata o edificio Curvera en García Barbón, subida á rúa de Uruguai polas escaleiras de Santiago de Vigo, subida por República Arxentina ata o edificio Polar en Urzaiz, baixada por Colón ata Marqués de Valladares, subida por Reconquista ata Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol.

A actividade é gratuíta, para participar cómpre inscribirse en horario de 09.00 a 14.30 horas no teléfono 986810281.