REVISTA ABRIL

A Escola de Letras abre tres novos cursos literarios en Vigo

A Escola de Letras, unha iniciativa formativa creada pola Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, presentou este martes os seis cursos literarios para estes meses, tres deles en Vigo. Ao plantes de docentes, que contaba cos autores Inma López Silva, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, súmanse a dramaturga Esther Carrodeguas e a poeta Marta Dacosta. As inscricións para os dous primeiros talleres abren o mércores 8 de febreiro ás 8:00 da mañá.

Marta Dacosta, Inma López Silva e Esther Carrodeguas, tres das docentes dos obradoiros | P. Vázquez e U. Soliño

Consolidada como referente galego e estatal e co aval internacional que supuxo a súa presentación na última edición da Feira do Libro de Frankfurt, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia inicia o vindeiro 1 de marzo a súa cuarta edición, que se prolongará ata outubro. O novo curso ofrecerá, ao igual que os anteriores, seis obradoiros literarios cun total de 90 prazas e no que a dramaturga Esther Carrodeguas e a poeta Marta Dacosta se incorporan ao claustro do profesorado, xunto a Diego Giráldez, Inma López Silva e Antonio García Teijeiro. Mañá mércores 8, ás 8:00 da mañá, ábrese o prazo de inscrición para os dous primeiros talleres en Vigo e Pontevedra.

Sobre a presenza da editorial galega na feira alemá falou o director da Escola de Letras e de Galaxia, Francisco Castro, quen subliñou a atención prestada á presentación do proxecto provincial, “onde non só había xente de Galicia, senón doutros países, que tiñan curiosidade por este proxecto formativo”. “A Deputación e Galaxia queren internacionalizar a Escola de Letras e ímolo facer. Fixemos contactos co Instituto Cervantes e estamos convencidas e convencidos de que hai que levala polo mundo adiante”, afirmou.

REVISTA ABRIL

Castro, que agradeceu o apoio da institución provincial á iniciativa, chegou a sinalar que coa Escola “morremos de éxito, xa que non creo que haxa moitas actividades no conxunto do Estado onde se cubran tan rapidamente as prazas e teñamos que manexar unha lista de agarda de centos de persoas”. Destacou que o vindeiro 23 de abril presentarase o volume coa escolma de traballos do alumnado da terceira edición, “porque esta é unha Escola con froitos palpables, e para o alumnado é moi importante ver que parte do seu traballo existe en forma de libro, que amais está nas librerías”.

Os seis cursos celebraranse nas sedes da Deputación (tres no Pazo Provincial en Pontevedra e tres na sede de Vigo) entre marzo e outubro, con horario de 18.00 e as 20.00 horas. Comezarán cos obradoiros literarios de Inma López Silva en Vigo (1,8, 22 e 29 de marzo, 12, 18, 19 e 26 de abril) e Pontevedra (2, 9,23 e 30 de marzo, 13, 20 e 27 de abril e 2 de maio) e co de poesía a cargo da poeta Marta Dacosta en Vigo (7 e 14 de marzo). As clases continuarán en maio co taller de poesía de Antonio García Teijeiro en Pontevedra (3 e 10 de maio) e o obradoiro literario da dramaturga Esther Carrodeguas en Vigo (3, 10, 18, 24 e 31 de maio). E en setembro e outubro impartirá o seu obradoiro Diego Giráldez en Pontevedra (12, 19 e 26 de setembro e 2,9, 16, 23 e 30 de outubro).

A inscrición para cada curso abrirase aproximadamente un mes antes da súa realización e, deste xeito, mañá ás 8 horas comezará para os dous primeiros obradoiros de Inma López Silva. As persoas interesadas deben enviar un correo ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal, incluíndo o seu nome completo, correo electrónico, teléfono, e o curso no que se desexa inscribir por orde de preferencia. As prazas adxudicaranse por estrita orde de chegada das solicitudes ata completar o límite de persoas establecido para cada curso. Terán preferencia as persoas que non participasen con anterioridade en ningún obradoiro.