Treintañeras Cañeras e The Riggos porán patas arriba La Iguana este sábado
Dúas das bandas co directo máis potente da cidade, Treintañeras Cañeras e The Riggos, danse cita este sábado ás 23:30 en La Iguana. Mentres que The Riggos sacaron o seu primeiro LP homónimo hai cousa dun ano e medio, as Treintañeras Cañeras veñen de lanzar este mes o seu segundo EP, titulado Cabaña Caníbal. Promete ser unha noite chea de rock e potencia da man desta dúas novas bandas.
TREINTAÑERAS CAÑERAS
Como definiriades o voso son e o de The Riggos? Como xurdiu a idea de facer este concerto?
Quizais The Riggos teñen máis ese son punk-rock de libro, nós… podémos dicir bandas de cabeceira como Sexy Zebras, Frank Carter ou Tu Madre es Puta, pero o que facemos ten trazas de punk, de rock n roll e ata de metal cutre. E o do concerto pois falouse con anterioridade con eles pero por unha cousa e outra non puido ser. Temos moitas ganas porque son unha das poucas bandas de por aquí coas que nos podemos chegar a identificar musicalmente.
Que podemos esperar deste concerto?
Pasou xa un tempo desde a última vez que tocamos en Vigo, e polo medio houbo cambios de formación, reaxustes, novos temas e moito moito traballo. En calquera caso, ambos somos da cidade máis fermosa do mundo, así que para resumir diríache que este sábado será a festa do rock total ou da música extraordinaria.
Vides de sacar un EP, que tal está a ser recibido?
Pois estamos contentos, a verdade. Esta vez preparámolo un pouco mellor, ata nos dignamos a facer vídeos e esas cousas. E nótase, logo ao final á xente pódelle gustar ou non, pero polo menos démonos conta de que non podemos ser tan crápulas de non xerar un contido máis visual para que polo menos se escoite. Ata hai pouco eramos moito máis vagos.
Ambas sodes das bandas con máis caña da cidade. Que outros grupos meteriades nesta etiqueta?
É difícil de dicir, pódoche soltar algúns que nos flipan como poden ser Aphonnic ou Voltaica, pero cústanos atopar bandas cun son similar. O cal en absoluto significa que non existan, seguro que si, pero non as coñecemos. Somos un pouco asociais.
Como xorde a colaboración con Indy Tumbita nun dos temas do voso EP?
Paco Serén é moi colega de Indy, e cando chegamos ao estudo cos temas, escoitou La Abuela Trans e dixo “a ver, a min este tema non me convence, pero igual Indy pódevolo arranxar un pouco”. E a verdade, quedou espectacular, pero é que Indy xoga noutra liga.
Tedes pensado sacar un longa duración proximamente?
Gustaríanos, non che imos a enganar, aínda que agora mesmo imos tratar de recuperar un pouco o investido porque debemos estar como a -3000. Non o descartamos a medio prazo.
THE RIGGOS
Como definiriades o voso son e o das Treintañeras Cañeras? Como xurdiu a idea de facer este concerto?
O noso son é unha media bastante exacta dos gustos e estilos particulares de cada un de nós, rock moderno, a medio camiño entre o punk e os riffs, acompañados de voces e letras pegadizas e melódicas. Treintañeras fan un estilo similar ao noso, moi centrado tamén nos riffs, pero un pouco máis duro. Por outra banda, o concerto é unha proposta súa, con motivo da presentación do seu EP, e temos moitas ganas de facelo.
Que podemos esperar deste concerto?
É a primeira vez que tocamos con eles, e prometemos un concerto contundente e divertido, que fará mover as pernas aos atrevidos e atrevidas que decidan pasar pola Iguana. A xente que vaia pasarao ben, e nós tamén.
Despois do lanzamento do voso primeiro disco, en que estades a traballar agora?
Traballamos en novos temas de cara a un novo repertorio que esperemos poda recollerse nun novo LP, algúns destes temas os tocaremos por primeira vez o sábado. Ademais, estamos pendentes do lanzamento dun vídeo, que levou moito traballo e do que estamos moi orgullosos.
Que tal a recepción do voso primeiro disco?
O recibimento foi moi bo. Tivo bastantes boas críticas e levounos a tocar en Madrid, Barcelona e uns cantos lugares máis. Quizais o seu problema foi a promoción, que foi inexistente. Sendo o primeiro disco é clave que se escoite e, aínda que na nosa cidade estamos agradecidos pola difusión que tivo, non fumos capaces de levalo mais aló. Aínda así, é o noso primeiro traballo, temos os pés na terra, e estamos moi contentos co resultado
Ambas sodes das bandas con máis caña da cidade. Que outros grupos meteriades nesta etiqueta?
Hai unha chea, Dreams of Dolly Sheep, Ex Hedera, Spoonful, Martillo, Purplefly… Pero sobre todo, coñeces Sniff and Crash?
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024