CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Tito Lesende: “Asistir a un concerto é semellante a recibir unha aperta”

Polo mes de marzo do pasado ano, o xornalista musical galego Tito Lesende lanzaba o libro Los 100 mejores discos de rock en directo, baixo o selo da revista Efe Eme. Quizais non era o mellor momento para ningún tipo de lanzamento editorial, tendo en conta a imposibilidade de facer presentacións nas librerías, pero o destino quixo que esta historia tivese un desenlace, polo momento, feliz. Especialmente durante as datas de Nadal, o libro estivo varias veces entre os máis vendidos de temática musical no noso país en Amazon, o cal vén a demostrar algo que xa sospeitabamos: a xente está desexosa de música en directo. Podes mercar aquí o libro.

O libro comeza cun debate sobre a a utilidade ou a calidade dos discos en directo. Que poden aportar ou transmitir que non poida facelo un de estudio? 

Para moitos grupos, especialmente en certo momento da historia do rock, penso que é o baremo definitivo, presentar as túas credenciais. Sen un disco en directo é como que che faltaba a túa tarxeta de presentación.

Imaxino que terías a oportunidade de ver en directo a algúns dos artistas que aparecen no libro. Quen foi o que máis che sorprendeu?

Por unha cuestión sentimental, desfrutei moito todas as veces que vin en direto a ACDC. Por unha parte é un espectáculo, e por outra é unha banda de rock en vivo, non hai máis. Non hai trucos, non hai pistas pregravadas. Foi a banda que me levou ao descubrimento do rock na miña adolescencia e iso é imbatible.

E a maior decepción? 

Na mesma liña lembro a primeira vez que vin en directo a Kiss. Foi un grupo que me marcou moito na adolescencia, pero a primeira vez que os vin foi na xira de reunión que fixeron a mediados dos anos 90, despois da famosa etapa desmaquillados nos 80. Nesta xira volvían pintados e co cuarteto orixinal. Quixen ir velos e o concerto suspendérase por unha folga de transportes, porque o escenario non chegara… unha cousa moi insólita. No segundo intento por fin puiden velos e pareceume musicalmente bastante frouxo. Visualmente moi entretido, pero a música carecía de espírito. Recentemente, lendo a autobiografía de Paul Stanley, el mesmo recoñecía que aquela xira fora un despropósito. Supoño que non foi unha cousa miña e que musicalmente non estaban no seu mellor momento.

E dos concertos en concreto que aparecen no libro, cal sería o escollido para estar alí presente?

Moitos deles. Gustariame moito ter estado no concerto de Johnny Cash en Folsom Prison.

Eu tamén estaba pensando nese, non sei por que.

Home, é unha oportunidade histórica e ademais nun recinto distinto. Con toda a tensión alí contida tiña que ser unha experiencia inolvidable.

Tes algunha banda, actual ou non, á que che gustaría incluír no libro pero que non teña ningún disco desta tipoloxía, ou polo menos do nivel suficiente?

Mmm… déixame contestar en diferido esta, déixame que pense.

Moitos son os grupos que por idade, e por desgraza, non puidemos ver en directo, como os Beatles, Led Zeppelin ou The Band. Cal é ao que lle terías máis ganas?

Eu son sobre todo fan dos Beatles. Pagaría os cartos dunha vida para poder velos en directo. É certo que vin varias veces a Paul McCartney e tamén a Ringo cando se achegou a Coruña hai uns anos. McCartney pareceume o máis semellante a desfrutar do cancioneiro dos Beatles, pero evidentemente non é a mesma historia. E sobre todo porque o que vemos hoxe xa é unha concepción moderna do espectáculo, e durante a época dos Beatles, para ben e para mal, non existía o concepto e a infraestructura para levalo a cabo. Con todo, e aínda sabendo que case nin os escoitaría, pagaría moitos cartos por ter asistido a un concerto seu.

O caso dos Beatles ten algo de trampa por iso de que durante a metade da súa carreira, xustamente na parte máis interesante, non deron ningún concerto.

Aínda así, podería estar ben asistir a un concerto seu en 1963, en The Cavern ou calquera outro recinto desas características. Asistir ao big bang, xusto antes de que conquistaran o mundo. Esa cousa tan quente que debía ser algo asfixiante.

Supoño que están a ser tempos difíciles para alguén con tanta paixón pola música en directo. Como estás a levar esta etapa tan estraña?

Pois cunha sensación semellante ao mono que pode ter un yonki, aínda que non quero poñerme dramático. Para min asisitir a un concerto en certo modo é moi semellante a unha aperta e nestes momentos botamos de menos as apertas, o contacto, a pel. Son cousas que definen o amor físico entre as persoas e tamén aos concertos.

Cando vas a un concerto, valoras que “soen igual que no disco”, como mencionabas antes con ACDC, ou agradeces aos artistas que, como Dylan, van cambiando as súas interpretacións ata facelas case irrecoñecibles?

Diríache que depende do artista. De ACDC non espero outra cousa e non quero esperala. Se hoxe en día cambiaran de estilo e fixeran calquera outra cousa que non fora o que levan facendo toda a vida, pois probablemente nos sorprendería. Eu de ACDC espero que me dean exactamente iso. Pola contra, no tema de Dylan, se fixese un concerto de sota-cabalo-rei tamén sería insólito. En xeral a min o que me gusta é que me sorprendan, pero non no caso de ACDC.

Como ves a situación actual dos discos en directo en España? Pensas que é un formato de capa caída?

Eu penso que os discos en directo en España chegaron a fitos bastante significativos, sobre todo nos anos 80. Co boom aquel de Miguel Ríos con Rock in Ríos, pero tamén no 81 o directo de Leño, a finais dos 80 co de Loquillo, que foi un disco que vendeu moitísimo. Tamén temos os directos de Barricada, Radio Futura… Agora en España ocorre ao revés do que pasa no ámbito internacional, e parece que hai un renacemento dos discos en directo. No resto do mundo estes discos saen porque non teñen nada mellor que facer, ou para chamar a atención sobre outro disco que interesa máis vender… En España ultimamente saíron discos de artistas fortes, e moi bos por certo: M Clan, Amaral, Leiva, Bunbury… É curioso este fenómeno, e o máis chamativo para min é que o resultado sexa bo.

Todos temos algunha canción que preferimos na súa versión en directo por riba da de estudio. Cal é a túa?

Hai moitas, pero xa que estamos falando de ACDC diría “Whole Lotta Rosie” na súa versión do disco If you want blood (You’ve got it). Ten tanto peso que cando a tocan en directo agora, a xente repite os esquemas desa versión en concreto. Iso dannos unha idea da dimensión que colleu a canción a través dese disco.

De que artista galego gustaríache que se fixese un bo álbum en directo?

A min gustariame que houbese un bo disco en directo dos Resentidos nos 80, no seu momento de auxe. Iso tiña que ser unha festa que a min me gustaría moito que existise nun formato físico en boa calidade.

A túa bibliografía musical é bastante variada: dos Beatles a M-Clan, pasando polo pop rock nacional e polos discos en directo. Estás a traballar nalgún novo proxecto?

Si, estou a traballar en varios pero non para unha saída inmediata. Teño varios libros dentro deste universo do ensaio musical, pero non hai nada para agora mesmo. Por dous motivos: porque hai que deixar que a situación escampe, xa que este ano foi moi difícil para todo o mundo e tamén para calquera tipo de manifestación cultural. Cando saíu este libro declarouse o estado de alarma. Tiñamos previstas unha serie extensa de presentacións por toda España e houbo que cancelalo todo. O libro afortunadamente funcionou ben, especialmente na venda online, que estivo moi ben posicionado en diferentes tramos. Teño que dar as grazas por isto, supoño que a xente bota de menos os concertos e por iso lle apetece ler sobre estes discos en directo. Pola outra parte, porque este ano quero concentrarme noutro proxecto de radio que me vai absorber moito tempo e aí quero poñer todo o esforzo.

Podes adiantar algo dese proxecto?

CAMELIAS NADAL

Eu colaboro no Diario Cultural da Radio Galega, pero este ano estou traballando para comezar un programa de música propio na mesma radio. Aínda non ten data de comezo, pero será antes de dous meses.

Para rematar, volvemos a pregunta de enrriba que quixeches responder en diferido.

Hai pouco publicouse un bo directo de Jeff Lynne’s Electric Light Orchestra en Wembley. Pero eu boto de menos un álbum en vivo da ELO a mediados dos 70, cando o formato viviu o seu mellor momento… E a ELO tamén. En canto a artistas máis próximos e actuais, hainos cun directo estupendo e que aínda teñen tempo para gravar un bo material ao vivo no futuro. Por exemplo, o galego Xoel López, os asturianos Alberto & García ou os cántabros Los Estanques.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.