Talento mozo vigués na curtametraxe de fantasía medieval ‘8 Portas’
O pasado sábado, 12 de abril, deu comezo a rodaxe de 8 Portas, unha curtametraxe de fantasía medieval e suspense, dirixida polo vigués Miguel R. Berride en colaboración cun equipo de corenta mozos, movidos pola paixón e as ganas de crear cinema. Maioritariamente, son estudantes da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

En 8 Portas, o rei Crimson reúnese cos sete líderes dos oito reinos da Unión, coñecidos como “as cabezas do rei”, nun momento de crecente tensión. Durante a asamblea, unha das cabezas bebe da copa de viño de Crimson, que está envelenada. Este feito confirma as sospeitas do rei, alguén intenta asasinalo. Agora, xunto a Yester, o seu bufón e conselleiro, e aos gardas reais, trata de descubrir quen quere rematar coa súa vida, antes de que sexa demasiado tarde.
Miguel R. Berride está tratando de facerse un oco no panorama audiovisual galego. O neno que medrou ideando historias para xogar cos seus amigos no parque infantil da Praza García Picher, leva os seus guións á gran pantalla. “Desde que teño uso de razón, desfrutei creando os meus propios mundos. Sempre fun un entusiasta da fantasía, do que vai máis aló do real, porque permite que mergulles en situacións extraordinarias”, afirma Berride. A súa andaina é prometedora. Grazas a curtametraxes anteriores, pasou por diversos festivais de Galicia acadando varios recoñecementos como Mellor Director Galego no Festival Curtas do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa do pasado ano 2024. Porén, nada diso sería posible se non tivese detrás o apoio da produtora Kasa Vella.

Esta pequena produtora audiovisual foi creada polo propio Miguel, xunto a Hugo R. Morgado, nada máis comezar a carreira. Xurdiu para cubrir unha necesidade clara: a creación dun espazo e dunha comunidade nos que as novas xeracións puidesen levar adiante proxectos propios. “Pretendemos ser como unha bocalada de aire fresco. A base de esforzo e traballo constante, queremos gañarnos un oco no sector e demostrar do que somos capaces”, explica Hugo R. Morgado, fundador e membro de Kasa Vella.
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia tamén xoga un papel fundamental en pezas como 8 Portas, pois todo o elenco vén da mesma. Ademais do alto nivel demostrado polos seus egresados, a ESADg destaca por ser a única escola pública de arte dramática da nosa comunidade, “é unha grandísima sorte poder formarnos en arte dramática de forma pública na nosa cidade porque, se tivésemos que estudar fóra, igual non o poderíamos facer”, sinala Pedro Galocha, estudante da ESADg e actor de 8 Portas.
Desde Kasa Vella, búscase potenciar a simbiose entre estudantes de audiovisuais e estudantes de interpretación co fin de aprender e medrar da man para, o día de mañá, enriquecer a cultura e o cinema de Galicia. “A ESADg ten un plus: todo é en galego. Entón, favorece tanto á industria do cinema como á do teatro porque todo vai enfocado a traballar na nosa terra. Gústame moito porque, ademais de aprender a ser actores e actrices, aprendemos a ser actores e actrices galegos”, engade Pepa Sofía, estudante da ESADg e actriz de 8 Portas.

En definitiva, 8 Portas é unha boa mostra das inquedanzas artísticas, creativas e culturais das novas xeracións viguesas. Non só pretenden dar a coñecer o seu talento na cidade senón, tamén, probar que as historias galegas teñen cabida no resto do mundo.
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- Talento mozo vigués na curtametraxe de fantasía medieval ‘8 Portas’ - 16 Abril, 2025
- Globalingua, tradución profesional para conectarse co mundo - 25 Marzo, 2025
- Actividades para celebrar o Día das Letras Galegas - 4 Maio, 2022
- Bouzas vístese de festa para o III Concurso de Decoración de Nadal - 30 Novembro, 2021
- Nanomateriais a diario - 6 Maio, 2021