REVISTA OUTUBRO

Axúdanos a escoller o Premio A Movida ao talento vigués

Este ano celebramos por primeira vez os Premios A Movida, cos que valoramos ás persoas e empresas que traballan na cultura viguesa e nos fan a vida máis bonita. Na categoría ‘As túas movidas’ premiamos o talento vigués a través dos traballos que ao longo destes anos apareceron publicados na nosa revista na sección do mesmo nome.

Queremos contar coa vosa participación para premiar ao talento vigués. Ao longo destes cinco anos de vida publicamos moitos traballos que os artistas vigueses foron enviando para a sección ‘As túas movidas’ da revista en papel. O equipo d’A Movida escollemos nove dos traballos que foron publicados e agora queremos que os nosos seguidores decidan quen é o gañador. As votacións xa están abertas a traves da nosa conta de Instagram. Cada unha das nove creacións seleccionadas foi publicada no feed de Instagram, aquela publicación que o martes día 10 de outubro ás doce da noite teña maior número de ‘likes’ será a obra gañadora.

Entre os nove traballos seleccionados atopamos ilustracións, fotografías e colaxes realizados por Sofía Venzel, Sabela Veiro, Emma Romero, Nair Romero, Lucía GQ, Laura Carrillo, Andoni Vergara, Javier Gil e Laura Mellinas. A sección ‘As túas movidas’ a levamos a cabo grazas ao patrocinio da Universidade de Vigo.

O venres 13 de outubro faremos entrega dos premios na nosa festa de aniversario, que celebraremos no Salón Rexio da Sede do RC Celta, en Príncipe. En total entregaremos catro galardóns: o premio a un creador/a vigués pola súa traxectoria, premio a un novo proxecto cultural, premio a un negocio vigués que apoia a cultura e premio ao talento vigués a través da sección ‘As túas movidas’.