10 autores galegos poñen letra ás obras de arte de Afundación
Coa participación de aplaudidas voces da nova literatura galega como Ledicia Costas, Berta Dávila, Antonio Manuel Fraga, Diego Giráldez, O Hematocrítico, María Lado, Emma Pedreira, Mario Regueira, Eli Ríos e María Solar, Afundación presenta Suma creativa, un volume de relatos inspirado na Colección de Arte Afundación.
Suma creativa é un volume de relatos inspirados na Colección de Arte de Afundación, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2015. Un proxecto multidisciplinar que se inicia cun dos dous textos da escritora Maria Lado, que había de marcar os alicerces do resto de pezas elaboradas. Neste sentido, Lado comentoulle a Jorge Perianes, creador plástico en cuxa obra ela se inspirou, o sorriso que lle produciu reler o seu texto e comprobar que imaxinara un diálogo entre o propio artista e un amigo no seu obradoiro.
Afundación anima a achegarse á Colección de Arte Afundación desde unha mirada novidosa e multidisciplinar, na que as artes plástica se a literatura conflúen para dar a coñecer a importancia dunha das coleccións máis relevantes da arte galega contemporánea. Conformada por máis de cinco mil pezas, cuxo abano cronolóxico abrangue desde finais do século XIX ata os nosos días, serve de base para que aplaudidas figuras da literatura galega contemporánea compoñan unha serie de relatos a partir das obras que cada unha delas especificamente escolleu para a ocasión.
Cun inicio establecido polo texto de apertura de María Lado, os seguintes escritos continúan a liña ficcional inaugurada. Ledicia Costas, Berta Dávila, Antonio Manuel Fraga, Diego Giráldez, O Hematocrítico, María Lado, Emma Pedreira, Mario Regueira, Eli Ríos e María Solar son as escritoras e escritores que levan á literatura as creacións de Victoria Diehl, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Maruja Mallo, Ánxel Huete, Jorge Perianes, Berta Cáccamo, Urbano Lugrís, Pamen Pereira e Álvaro de la Vega.
O libro está xa á venda na tenda online de Afundación, así como nas sedes da entidade.