UVIGO
FILLOAS

Autores galegos compartirán o seu coñecemento na Escola de Letras

A Deputación de Pontevedra e o Director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentaron hoxe a que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das poucas existentes no estado. Un proxecto formativo e lúdico co que queren fomentar na cidadanía a imaxinación e o gusto pola literatura, así como dar apoio aos novos creadores.

A Escola de letras contará cun dobre emprazamento, en Vigo e Pontevedra, e impartirá clases para mellorar a técnica dos escritores, mais tamén para todas aquelas persoas ‘que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón’, ofrencendo as ferramentas precisas para que cada un conte as súas historias. ‘Lemos para estar ben, polo que a literatura é unha forma de felicidade, é por iso que todo o traballo está pensado desde un ambiente lúdico e de festa’, explicou Castro.

O director da editorial explicou que o obxectivo é que que os asistentes escriban, pero que ademais ‘lean e gocen do que fan os demais’, por iso Galaxia comprometeuse a publicar un libro que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante.

En Vigo se impartirán o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o obradoiro de Poesía de Perfeccionamento e o obradoiro Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico. Todos eles terán unha capacidade máxima de 15 alumnos e serán impartidos por autores de reputada traxectoria, segundo explicaron os organizadores.

Aínda que o calendario é aínda incerto debido á situación sanitaria, os organizadores confían en poder celebrar o primeiro obradoiro sobre escritura creativa na segunda quincena de xuño en Vigo e, posteriormente, a Escola continuará o seu curso en setembro, con ata 9 obradoiros máis repartidos entre Vigo e Pontevedra.

CAMELIAS NADAL

Para apuntarse nos cursos habitlitarase unha conta de correo electrónico desde a editorial, na que se atnderán as inscricións por orde de chegada. A Escola está aberta a persoan a partir dos 16 anos, sen necesidade de ter experiencia previa.