CAMELIAS MASCOTAS

Oroza volve contemplar a ría

As conmemoracións polo centenario de Carlos Oroza continúan por toda a Península, pero sobre todo en Vigo, a cidade que o poeta escolleu para vivir os últimos anos. En colaboración coa Xunta de Galicia, a asociación Évame-Oroza organizou un extenso programa de actividades co gallo da efeméride, no que se encontra a exposición itinerante Oroza (1923- 2023). Comisariada por Branca Novoneyra, esta exhibición pasará por Pontevedra, Viveiro, Folgoso do Courel, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, pero bótase a andar desde o Porto de Vigo, perante a ría que tanto inspirou o poeta homenaxeado e co obxectivo de ser un punto de encontro para calquera que pase polo lugar.

Oroza (1923- 2023) pretende ser un percorrido cronolóxico pola vida e a obra deste autor. A información disponse en seis cubos de aceiro que nos permiten seguir os seus pasos a partir de imaxes, pequenas notas e un glosario con palabras chave. Os dous primeiros espazos preséntannos ese home nado en Viveiro, que viviu en Madrid entre os anos corenta e setenta do século pasado, onde desenvolveu boa parte da súa obra e se relacionou coa vida bohemia daquela. É aquí onde se constrúe como o autor beat e idiosincrático que chegou ata nós e onde comeza a crearse unha lenda chea de anécdotas á medida da súa excéntrica personalidade.

Os seguintes cubos fálannos do poeta oral, do xograr que compuña os textos ao ditado mentres paseaba e que estaba atento aos eventos sociais do momento. De feito, a súa oposición á ditadura franquista fixo que se popularizasen os poemas «Se prohibe el paso», «Crónica» e «Pliego de Cargos», como exemplos de resistencia ao réxime. Serían fundamentais as estadías no Courel canda a súa compañeira Carmen Latorre, o pintor Raimundo Patiño e á parella formada polo poeta Uxío Novoneyra con Elba Rey, que lle axudan a reunir os seus textos orais para publicalos no libro Eléncar.

Os expositores que seguen, céntranse na importancia que acadou o recitado na figura de Oroza, o que o levou a participar no filme ¿Por qué te engaña tu marido? (David Summers, 1969)e mesmo a gravar co grupo Eclipse unha das primeiras pezas de rap que existen en castelán. Lémbrase aquí o tempo que pasou en Eivisa ou a participación na revista Tropos. A seguir, a exposición salienta a estreita relación que o poeta mantivo coa cidade da oliva desde os anos oitenta, onde continuou recitando e compoñendo versos e condensou a súa poesía en tres edicións do libro Évame, da man da Editorial Elvira, dirixida por Javier Romero, presidente da Fundación Évame-Oroza. A exhibición despídese coas palabras poesía, publicar, raro, temas e vidente, deixando constancia do singular legado de Oroza.

REVISTA NOVEMBRO

A exposición pode visitarse gratuitamente ata o luns 19, pero as celebracións polo centésimo aniversario do poeta non terminan aquí. Ata o venres 30 tamén é posible participar na primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, que outorga 6.000 € aos mellores versos, en castelán e galego, ademais de dar un terceiro premio para a mellor iniciativa musical de divulgación poética. Tamén co motivo do centenario, proxectouse a edición do libro Oroza 100, que conta coa colaboración de intelectuais, artistas e escritores que disertan sobre o autor e achegan anécdotas persoais. A celebración da centuria de Carlos Oroza enche a nosa cidade de eventos que nos permiten coñecer máis a fondo a obra deste autor, impulsando ademais un panorama cultural que o poeta dinamizou a través dos seus pasos.

Antía Monteagudo Alonso

Filóloga