SMARTes trae cinema sustentable ao aire libre na rúa Londres
Volve o ciclo de cine ecolóxico SMARTes á rúa Londres, onde os días 16, 17 e 18 de xullo poderemos ver tres documentais ao aire libre e de balde ás 22:00. Anote’s Ark, When two world collide e When lambs become lions son os nomes dos tres filmes que poderemos ver estes tres días detrás do museo MARCO.
Máis plans para superar esta calor dunha forma didáctica e entretida. O ciclo de cine sustentable SMARTes proponos na súa 3ª edición tres días de proxeccións ao aire libre e de balde. O mellor é que son ás 22:00 da noite, cando o sol xa está a piques de agocharse e a temperatura permite estar na rúa sen morrer no intento. Onde? Na rúa Londres, detrás do museo MARCO.
O martes 16 poderemos ver Anote’s Ark, un filme cunha fotografía espectacular que mostra o reto ao que se enfronta Kiribati, unha nación do Pacífico: a súa inminente desaparición polo aumento do nivel do mar. O carismático presidente de Kiribati, Anote Tong, traballa intensamente para atopar unha vía coa que protexer aos habitantes da súa nación, pero moitos xa están a buscar unha terra segura no estranxeiro. Como pano de fondo atópanse as negociacións internacionais contra o cambio climático e a loita por recoñecer esta problemática como un asunto urxente dentro dos dereitos humanos.
Ao día seguinte será a quenda da peruana When Two Worlds Collide, documental que se coloca na liña de lume directamente fronte a dúas poderosas forzas. Por unha banda está o presidente Alan García, quen, desexoso de entrar no escenario mundial, comeza agresivamente a extracción de petróleo, minerais e gas da terra indíxena amazónica que permanecera intacta; mentres que polo outro lado, o indíxena Alberto Pizango lidera unha forte oposición polas demandas dos seus seguidores que foron ignoradas. Finalmente, a tensa guerra de palabras estala en protestas e enfrontamentos entre ambas as partes, nunha escalada que conduce á violencia mortal.
Por último, o xoves18 proxectarase When lambs become lions, un documental estadounidense que fala dun comerciante de marfil na selva de Kenia que loita por manter o seu negocio axudado polo seu primo máis novo, un gardabosque conflitivo, mentres as forzas do Estado mobilízanse para terminar co seu oficio.