VIALIA
bannerPicnicSesions

Sin Prisa, un ‘txoko’ á galega

Desde finais de decembro, a nosa cidade conta cun novo local no que gozar da cociña nun formato diferente. Trátase de Sin Prisa, un «multiespazo» aberto polos irmáns Roberto e Susana García que vai mudando da mañá á noite.

A primeira hora está reservada para almorzos de empresa. A partir das 10:00 h, ábrese ao público como unha cafetería á que se pode ir devagar para degustar algún dos 70 cafés de especialidade que preparan nunha exclusiva máquina.

Para o xantar, o local ofrece comida preparada pola empresa Sinsartén, que elabora pratos equilibrados de cociña caseira servidos en tupper; polo ao curry, fabas con mexillóns ou bacallau á portuguesa son algúns dos pratos dispoñibles, pensados para xente que non dispón de moito tempo, pero que non renuncia á comida rica e saudable para o día a día. “Aquí podes comer en 10 minutos un prato riquísimo, sen ter que cargar con nada e seguir coa túa xornada laboral”. Sin Prisa é o único local físico onde se despachan os pratos de Sinsartén, que tamén se poden pedir a domicilio a través da web, cunha caducidade de ata 15 días, grazas ao proceso Cook & Chill, que utiliza abatidores de temperatura para conservar os alimentos sen usar aditivos.

A partir das 16:00 h, o espazo queda dispoñible para eventos privados e calquera pode alugar a sala e utilizar a cociña. Este servizo, pioneiro en Galicia, ten similitudes coa idea dos típicos txokos do País Vasco nos que se reúnen as cuadrillas de amigos para comer, charlar e divertirse. As opcións son moi variadas no momento de contratar o arrendamento: pódese escoller con cátering, unha neveira con bebidas, unha cafeteira e unha billa de cervexa, só algunha das anteriores ou optar por levar todo da casa.

Sin Prisa conta cunha cociña aberta á sala, totalmente equipada e con aveños para servir ata unha corentena de persoas; o lugar perfecto para se botar ás artes culinarias entre amigos. Por uns 10 ou 12 € por persoa (dependendo de se queremos utilizar a cociña) o espazo estará reservado en exclusiva, sen límite de hora, e con posibilidade de poñer música no equipo do establecemento, polo que a privacidade e a comodidade se achegan á dunha vivenda. Unha gran opción para celebrar aniversarios ou ceas familiares nun espazo moi amplo e sen preocuparnos polo ruido.

REVISTA ABRIL

Unha cuarta vía de actividades é a organización de catas e cursos de cociña pensados para quedar a cear. Para este mes prográmanse un curso para aprender a preparar sushi e unha degustación de chocolates, eventos dos que se especifican detalles nas redes sociais de Sin Prisa. En marzo chegará unha cata de cervexas e un curso de corte de xamón.

Con tal variedade e con tanta flexibilidade, Sin Prisa é un local idóneo para organizar unha festa de aniversario ou xuntanza de amigos, pero tamén para almorzos de negocios ou xuntanzas informais para equipos de traballo. Por algo os creadores o definen como «multiespazo».

Rúa de Don Bosco, 62 | 681 15 07 37 | @sinprisavigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.