CAMELIAS MASCOTAS

Sendeirismo, praia e gastronomía na Illa de Ons

Algúns dos privilexios que nos ofrece esta terra son eses paraísos con forma de illa aos que podemos escapar de cando en vez. É o caso da Illa de Ons, esa fermosa paraxe situada na boca da veciña ría de Pontevedra. Da man da navieira Mar de Ons achegámonos unha xornada a recorrer os seus sendeiros, descansar nas súas praias e degustar os seus manxares.

Gorra, crema solar, gafas de sol e unha bolsa para o lixo. Xa estamos preparados para partir. Todos os días de verán ás 12:15 do mediodía, a navieira Mar de Ons ofrécenos a posibilidade de viaxar á illa do mesmo nome desde Vigo, sen ter que desprazarnos a outra vila para tomar o barco, como acontecía antes. Este traxecto, lonxe de ser un aburrido trámite, consiste nunha agradable travesía pola ría de Vigo, onde gozar dunhas vistas privilexiadas da nosa cidade, das Cíes ou da costa do Morrazo. Co vaivén das ondas chegamos en pouco máis dunha hora ao noso destino, que nos recibe co sol brillando no ceo. Nada máis atracar poderemos consultar un mapa da illa coas diferentes rutas e puntos de interese marcados. Seguimos as indicacións dos sinais amarelos, o cal significa que estamos a coller rumbo ao famoso faro de Ons, situado no punto máis alto da illa, a 120 metros respecto ao nivel do mar. Xunto co de Sálvora, é un dos poucos faros da península aínda atendidos por fareiros. Este, concretamente, leva en activo ininterumpidamente desde 1926.

Bordeando o faro, ademais dunha boas vistas da Enseada Bastián del Val, atoparemos un heliporto triangular desde onde tomar unha boa instantánea da construcción. Continuamos o noso camiño polo sendeiro amarelo ata o comezo da Enseada de Caniveliñas, e aí continuamos recto ata incorporarnos á ruta verde, que percorre toda a zona sur da illa ao longo de máis de 6 quilómetros. Esta será a que nos leve ao punto máis recoñecido de Ons: o Buraco do Inferno. Unha abertura na rocha de máis de 30 metros de altura aberta polas ondas do mar ao longo dos séculos onde, contan as lendas, podemos acceder ao mundo dos mortos. Nos días de oleaxe fíltrase o ruido do mar polo buraco, creando un son rouco e inolvidable que se asemella aos berros das persoas que están no máis alá.

REVISTA NOVEMBRO

A seguinte parada é o miradoiro de Fedorentos, onde gozaremos dunha espectacular panorámica que, nun día despexado, abarca desde Marín ata cabo Silleiro, coa illa de Onza en primeiro plano. Sen dúbida unha das vistas máis fermosas das Rías Baixas. Só nos queda unha última etapa ata chegar de novo ao peirao, na que avanzaremos paralelamente á costa leste. Aquí atopamos varias praias, como a do Canexol ou Area dos Cans, polo que decidimos que é bo momento para descansar na area. Porque se algo apetece despois de camiñar arreo, é mergullarse nas limpas augas de Ons, que por certo, non están tan frías como pode parecer.

Se o horario de volta nolo permite, aínda temos tempo para catar a excelente gastronomía da illa nalgún dos establecementos situados á beira do peirao. O prato estrela é o polbo, tanto en caldeirada como á feira, mais a oferta vai máis aló: ameixas, navallas, robaliza, zamburiñas… Queda pendente unha segunda viaxe para pasar máis tempo na praia, nas terrazas dos restaurantes e coñecer a zona norte, coa Punta do Castelo, a praia de Melide ou a Punta do Centolo. Volvemos a Vigo cansos pero felices, gozando de novo dunha travesía por mar ideal para pechar a xornada.

Mar de Ons | Cánovas del Castillo 26 | 986 22 52 72 | mardeons.es | info@mardeons.com | FB: Mar de Ons | IG: @mardeons

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.