Santi Balmes: «Este é un espectáculo para ver sentado»
Love of Lesbian é, sen dúbida, unha das bandas de referencia do panorama estatal. Cancións como Club de fans de John Boy ou Allí donde solíamos gritar son auténticos himnos do indie español. Mais no espectáculo que visitará o Teatro García Barbón o sábado 19 [Entrevista publicada en xaneiro de 2019. Datas de concertos actualizadas no final do texto] , semella que o grupo pretende fuxir da bitola de estrelas e mostrar unha cara B máis intimista. Conversamos co vocalista do grupo, Santi Balmes, que ademais hai uns meses publicou o libro El hambre invisible.
Vides desta volta con Espejos e espejismos, un espectáculo diferente ao que tiñades feito ata o de agora. Que podemos esperar del?
É un espectáculo que non ten nada que ver co que se viu ata agora na nosa biografía. É un concerto teatralizado no que eliminamos as cancións máis movidas, os hits. Non esperes escoitar o Club de fans de John Boy, por exemplo. O repertorio será máis poético, máis pausado. Vertebramos un espectáculo no que o atrezzo son caixas de cartón e unha boa iluminación, ademais duns actores que realizarán permormances ou manexarán monicreques.
Sempre lle prestastes moita atención á estética nos vosos directos e edicións e este espectáculo parece que quere ir aínda un paso máis aló. Que importancia ten para ti a imaxe na música?
As bandas do noso estilo sempre incidimos na espectacularidade e nese sentido nosoutros xa estamos un pouco cansos. Ás veces pensabamos que xa non se podía ir a máis. Evidentemente sempre se pode, mira para Beyoncé ou para calquera destas. Pero preferimos dar dous pasos cara a atrás e poñer en primeira liña cancións do noso repertorio que tiñamos un pouco abandonadas. Para osixenarnos e para saber se podemos facer un concerto de pop-rock cun escenario radicalmente diferente. Sempre que imos tocar aos teatros o público érguese da butaca á segunda canción. Este é un espectáculo para ver sentado.
Víuseche colaborar en varias ocasións con Iván Ferreiro e outros músicos galegos como Xoel López. Que opinión tes da escena musical galega en xeral e da viguesa en particular?
Sempre houbo referentes de músicos galegos que me chamaron a atención como Germán Coppini, Os Resentidos, Siniestro Total… e agora non é unha excepción. Xoel López fai unha música marabillosa e Iván Ferreiro é quizais co que estamos máis achegados no sentido máis persoal. Admiro moito a Iván porque é unha persoa que xa viviu varias vidas. É un supervivente nato. Pero non só con eles, senón con Galicia sempre tivemos unha conexión moi especial. Hai certa retranca que une os dous extremos da Península.
Falando de colaboracións, é moi común verte participar nos discos doutros artistas. Os últimos foron Zahara e Alfred. É para ti unha das mellores partes do oficio de ser músico?
Ultimamente estamos a sacar discos cada moito tempo, cousa que non me agrada especialmente. As xiras eternízanse moito, entón tes ganas de estar nun estudio e de facer cousas. No caso de Zahara dixéronme que tiña unha canción nova e que a pensou directamente coa miña voz… é moi difícil negarse. O caso de Alfred foi moi curioso, porque acabei cantando en inglés, algo que non facía desde había moito tempo. Pero pareceume tan friki a proposta que aceptei. Estou aberto a colaborar mesmo con xente que non coñezo, sempre que me pareza estimulante. Axúdame a aguantar tantos anos sen pisar un estudio de gravación.
Xa que falas de cantar en inglés, que pasou despois de Ungravity (2003) para que deixásedes o inglés e comezásedes a cantar en castelán?
Eu escoitábame a min mesmo a cantar en inglés e pseudorecoñecíame. Era como poñerlle un preservativo á música de meu. O inglés era unha lingua na cal non me acababa de desenvolver como creador, porque non pertencía á miña memoria persoal. Non se detectaba a colleita propia que Love of Lesbian lle podía aportar á música. A min o que me gusta cando escoito a unha banda é dicir «isto só o puideron facer eles».
É habitual verte nas redes sociais ou nos teus concertos falando de temas sociais. Para ti a música segue a ser unha arma política?
Para min a música é unha arma persoal. Falar de política é meterse en xardíns moi perigosos e se falamos diso será desde un punto de vista emocional. Ninguén ten a verdade ao cen por cento, polo que só podo falar desde a emoción que me xera unha inxustiza, non desde un punto de vista intelectual.
Sempre que se fala do indie español aparecen nomes coma o de Vetusta Morla ou o voso. Sentídesvos cómodos baixo esa etiqueta?
Eu síntome igual porque realmente somos un grupo no que a industria non interfire para nada. Por exemplo, cando fichamos con Warner para El poeta Halley sacamos un single de seis minutos e algo. Botaron as mans á cabeza. Xa somos grandiños para cambiar nese sentido. Non nos paramos a mirar se o retrouso soa antes de tal minuto… se o facemos é porque nos sae do corazón, e non polas radios. O único que queremos facer son grandes discos que transcendan, e que cando botemos a vista atrás ver que tivemos unha carreira moi coherente.
Hai intención de gravar algo novo proximamente?
Oxalá, pero temos ocupado todo o ano á vista. Temos cousas novas, pero de aquí a materializalas. Polo menos ata o 2020 non haberá novo traballo de Love of Lesbian… para a miña desgraza! Ha, ha, ha!!!
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de xaneiro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024