Roger Hodgson busca continuar o seu idilio vigués
Xa é a terceira vez neste século que Roger Hodgson actúa en Vigo, sempre cunha gran acollida por parte do público local. Este luns voltará ao auditorio de Castrelos para brindarnos todos os éxitos colleitados nas décadas dos 70 e 80 con Supertramp.
A situación de Roger Hodgson resulta curiosa: leva moitos máis anos en solitario que os que pasou en Supertramp, mais todo o mundo segue aferrándose a esa coletilla. Entre eles el mesmo, que non nega que os seus concertos son “de Supertramp pero con outro nome”, xa que as cancións máis coñecidas dos estadounidenses foron compostas por el.
Para sumarlle máis interese ao asunto, a súa relación coa outra metade de Supertramp deixa bastante que desexar. Cando Hodgson deixou a banda en 1982, tras a publicación de …Famous last words…, ambos chegaron a un acordo: Roger non utilizaría o nome de Supertramp nos seus concertos en solitario pero Rick Davis non podería cantar as cancións compostas por Hodgson en directo. Este pacto cumpriuse durante moitos anos, mais polo 2010 Davis rompeu o acordado, o que decepcionou moito a Roger.
Despois dos grandes éxitos colleitados con Supertramp, especialmente cos discos Breakfast in America e o xa mencionado …Famous last words…, Hodgson decidiu saír da banda polo seu desencanto coa industria musical. Tras dous discos en solitario nos seguintes anos, abandonou a música para dedicarlle máis tempo aos seus fillos e recuperar a súa “brúxula espiritual”. No 97 volveuse xuntar con Davis para gravar Some things never change, pero o disco non tivo o éxito esperado e Hodgson preferiu seguir pola súa conta.
Desde o 2000 non saca ningún traballo de estudio, mais está moi presente en directo. Semella que os anos non pasan pola súa voz, que aínda mantén ese timbre tan agudo que caracteriza as súas composicións. A pesar de non poder lucir o nome, o seu é o verdadeiro espírito de Supertramp, máis aló do marketing e de acordos feitos fai décadas. Esta será a súa terceira visita a Vigo no século XXI, despois das realizadas en 2008 en Castrelos e en 2017 no auditorio Mar de Vigo, dentro do Festival Illas Cíes. As entradas para o foso levan esgotadas desde o día en que saíron, como está a acontecer con todos os demais concertos de Vigo en Festas. Por sorte, o concerto poderá verse de balde desde as gradas do auditorio.