REVISTA ABRIL

Rock and roll platónico para recordar La Caverna

Este venres celébrase en varios locais de Churruca a cuarta edición de El Mito de La Caverna, unha particular festa que homenaxea a La Caverna, local que abriu as súas portas na rúa Cervantes entre 1994 e 2005. La Fábrica de Chocolate alberga o prato principal: o concerto da banda base Roko Loko xunto aos vocalistas Óscar Avendaño, Beutxi Míguez, Alberto Cunha e Rubén Suárez. Falamos con este último, músico e irmán dos xerentes daquel mítico espazo da noite viguesa.

Rubén Suárez (dereita) xunto ao seu irmán Nelson nunha festa glam en La Caverna | Susana Suárez

En 1957 abría as súas portas no centro de Liverpool The Cavern Club, unha sala pola que pasaron artistas da talla de The Hollies, Rolling Stones, The Kinks ou Elton John. Sen embargo, o club fíxose mítico por albergar numerosas actuacións (case 300) duns inicíaticos Beatles nos primeiros sesenta. A sala foi pechada e demolida a comezos dos setenta e reabriu, practicamente na mesma ubicación, unha década despois.

Foi en decembro de 1994 cando dous irmáns vigueses, Nelson e Orlando Suárez, decidiron abrir a súa propia Caverna no número 7 da rúa Cervantes, espazo anteriormente ocupado por unha tenda de roupa propiedade do futbolista do Celta ‘Pichi’ Lucas. Ao longo de 11 anos, entre as súas beatlescas paredes resoou a mellor música dos anos 50 e 60 e tamén as últimas novidades do momento: rock and roll, beat, garage, soul, power pop… E alí botou unha man aos seus irmáns como DJ e camareiro Rubén, coñecido músico vigués membro de bandas como Foggy Mental Breakdown, High Sierras, Los Tres Sudamaricones, Family Folks ou Lorre: “Pasei alí dos 21 aos 32 anos, unha época gloriosa, que che vou contar”, comenta entre risos Rubén.

REVISTA ABRIL
Rubén Suárez exercendo de DJ en La Caverna | Susana Suárez
Rubén (esquerda) e Bosco Hill durante un concerto de Family Folks en 2022 | P. Cermeño

La Caverna funcionou como punto de encontro de amantes do rock, creando ata 2005 unha forte comunidade e moitas relacións de amizade entre a súa clientela. Malia albergar algún concerto (Trem Fantasma, Los Tres Sudamaricones, Creole Kings…), o local non estaba habilitado para soportar tantos decibelios: “Unha tarde fixemos un ensaio con High Sierras e baixaron os veciños a queixarse, así que nunca máis”, lembra Suárez. Para volver reunir a toda a tropa e evitar que caia no esquecemento, Jacobo Jiménez, tamén membro de High Sierras, leva desde 2015 organizando unha festa homanexe baixo o platónico nome de El Mito de la Caverna.

Concerto de King Creole no décimo aniversario do local | Susana Suárez

A programación desta cuarta edición comeza ás 20:00 no Reserva Rock con petiscos e picada a cargo de DJ Guaper. O acto principal segue ás 22:00 en La Fábrica de Chocolate, onde catro cantantes interpretan seis cancións cada un acompañados por unha banda base (os Roko Loko) formada por Andrés Cunha á batería, Jacobo Jiménez á guitarra, David Moon Cresta ao teclado e Chus da Silva ao baixo. O cadro de vocalistas intégrano Óscar Avendaño, Alberto Cunha, Beutxi Míguez e o propio Rubén Suárez. O setlist está composto, como é de supoñer, por cancións acordes ao estilo da Caverna, onde atopamos temas de Shocking Blue, Rolling Stones ou Richard and the Young Lions. Ao rematar a actuación, a festa continúa no Mogambo desde as 00:00 con cos picadiscos DJ Gramola e os irmáns Óscar en Nelson Suárez.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DA CIDADE

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.