Reduce, reutiliza, recicla. Resetea
Se amas a natureza e queres rodearte dela ata na casa, sen deixar de ser responsable co medio e contribuíndo á sustentabilidade, ponte nas mans de Resetea. Esta empresa nace no ano 2013 grazas ao maxín do biólogo Iñaki Mielgo. Logo de ler un artigo dun micólogo suízo sobre a posibilidade de cultivar cogomelos sobre os pousos do café, un residuo moi masivo á vez que moi limpo e cheo de nutrientes, Iñaki comeza a facer probas caseiras para obter o seu propio cultivo. En vista do éxito dos seus experimentos, cóntalles a idea aos seus colegas Cristian Suárez (responsable do departamento comercial), Beltrán Orío (encargado da produción e a loxística) e Luís López (deseñador gráfico). Así é como catro amigos de toda a vida se asocian nun proxecto común. O compromiso e a filosofía de Resetea é o de promover o respecto pola natureza e o consumo responsable, achegando estes valores ao público mediante produtos atractivos que se centran na reutilización e a reciclaxe de diferentes materias orgánicas. Por se isto fose pouco, o compoñente social da marca ten un gran peso e, entre outros proxectos, traballan co Centro Juan María de Nigrán, que dá apoio, formación e oportunidades de inclusión real a persoas con discapacidade intelectual. Resetea ofrécenos diferentes métodos de cultivo, quer expertos en xardinería, quer para os que non saben nin coidar dun cacto, entre os que se atopa o seu produto estrela: o kit de
autocultivo de cogomelos. Fácil, divertido e sustentable, para poderes levar o pan de cobra á cociña. Pero se os cogomelos non son o teu, non te preocupes, namorarás das bombas de sementes. Estás pequenas e coloridas bombas están elaboradas grazas a un método xaponés que consiste en envaiñar as sementes con arxila e materia orgánica. As bombas de sementes permiten coidar do teu propio xardín atlántico ou salvar abellas, o que nos parece un plan marabilloso, non é?
Se aínda non caíches nos seus encantos entra en resetea.es, onde atoparás razóns
abondas para empezar a coidar do teu propio ecosistema.
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024