REVISTA OUTUBRO

Un pano ao vento

A rixidez da escola non era o modelo baixo o que Xiana Cobo, a máis nova de tres irmás de Ortigueira, se quería formar. Desde pequena interesouse pola arte, pouco recoñecida no currículo escolar; por sorte, a casa —grazas á afección polo debuxo de súa nai e á querenza por copiar debuxos dalgúns libros infantís ilustrados— foi para ela un oasis no que aprender, crear e deixar voar a imaxinación.

            Tras estudar Historia da Arte e Deseño de Moda, traballou para unha gran compañía de moda. Foi en 2017, dous anos despois de ser nai, cando as prioridades se lle reordenaron e decidiu emprender creando unha que firma con nome propio: Xiana Cobo. A creación vai da man da persoa, evolucionando con ela e ampliando horizontes e coñecementos en ilustración e estampaxe téxtil. No comezo desta andaina, decidiu afiliarse ao colectivo de Artesanía de Galicia, que supón un gran apoio para as marcas pequenas no mundo artesanal, e así empezou a deseñar e estampar pezas de seu.

            No catálogo atopamos cousas coma os panos de seda estampados, ideais para un maio de flores cuberto. As flores, como as do pano Hortensia; os motivos vexetais, dentro dun vaso no pano Still Life; ou os deseños máis clásicos, como o do pano Marcela, e ata o mesmo Sol nos adornarán o pescozo ou mesmo servirán para cubrir a cabeza nos días solleiros que se achegan. Podemos animar o look cuns brincos Garbo, realizados en cerámica.

            Non hai que perderlle a pista a esta artesá, porque axiña ha levar a ilustración e a estampa téxtil a outro nivel nivel con novos modelos de panos, colaboracións de xoiería e ata un kit para estampar por nós mesmos panos e outras pezas sen saírmos da casa. Así e todo, para aqueles que prefiran aprender estampaxe téxtil nunha contorna creativa, Xiana organiza talleres presenciais que irá anunciando na cinta de Instagram @xianacobo.

            Esta primavera podémonos vestir con flores. Na web xianacobo.com atopamos todos os deseños para saír á rúa co pano ao vento, unha bandeira branca a prol do comercio local e da artesanía a pequena escala.

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)