COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Matriz de natureza e tradición

Que acontece ao mesturar as tradicionais técnicas artesás da cestería e do macramê e darlle un toque minimalista e contemporáneo? A resposta tráenola Nai, que entre nó e nó, atopou o equilibrio exacto entre o antigo e o actual, atendendo sempre á sostibilidade e avogando polo uso de materiais cen por cento naturais, como madeira e algodón.

Ana Loredo, a muller esixente e perfeccionista tras a marca, decidiu facer do adverso unha oportunidade. Durante unha época breve na que pasou a engrosar as listaxes do paro, decidiu confiar no seu potencial e coller as rendas poñendo en marcha unha idea na que a súa formación en Belas Artes e a súa especialidade en Deseño serían boa base. Conxugando estes ingredientes, o ano pasado Ana deu a luz a súa propia marca. Un proxecto que une de forma maxistral as paixóns e inquietudes desta viguesa: creatividade, decoración, deseño, fauna, flora e sostibilidade. A premisa de Nai é realzar o valor da artesanía, da peza feita a man por persoas reais; o valor de cada obxecto único, irrepetible, de calidade, realizado en conciencia paseniñamente.

Entre os seus principais obxectos decorativos destaca «Carmiña», unha lámpada trenzada con nome de muller; tamén hai algún que outro «Toxo» con forma de maceta que nos lembra máis ben a unha cesta creada polas mans dun mesteiral experto; e mesmo atoparemos redes colgantes de macramê con forma de «Cunca» para termar da nosa planta favorita poñéndoa á altura que merece.

Se queres encher o teu lar de amor maternal, recomendámosche que busques por @nai_deseños en Instagram ou que deas unha volta pola rúa de Carral, onde á altura do número 7 está a tenda Vaidhe (rúa de Carral, 7) e no número 25 o salón P.Luca, locais nos que podes coñecer coñecer parte desta prole, unha froitos dunha matriz de natureza e tradición.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de outubro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)