REVISTA ABRIL

Arte ao ombro

No centro do universo creativo da estradense Sara Valcárcel está Galicia, a súa gran inspiración. Tradición e modernidade únense nos seus deseños orixinais plasmados nas bolsas de tea, postais e láminas da marca Noaltodopoleiro, coa que nos achega personaxes da cultura galega, como o escritor Valle-Inclán, ou paisaxes máxicas, coma a que preside a Catedral de Santiago.

Tras estudar Comunicación Audiovisual e especializarse en dirección de arte publicitaria, Sara decidiu facer o niño no mundo da ilustración e o deseño, que lle ocuparon o tempo libre desde ben cativeira e nos que se foi formando de modo case autodidacta. Con moito traballo e bo facer, ao final tivo a oportunidade de formarse e crecer profesionalmente en cidades como Buenos Aires ou Berlín, ampliando así a visión do noso e dándolle unha perspectiva máis aberta, cosmopolita e comprometida con movementos sociais, como o feminismo. Foi en 2018, dun xeito natural, cando a marca xurdiu de forma modesta, botando a andar en Instagram (@saravalcarcel_) e medrando pouco a pouco.

REVISTA ABRIL

O nome da marca dá certas pistas sobre o que atopamos neste lugar privilexiado do galiñeiro: liberdade, imaxinación e mundo onírico. Os pés ben afastados da terra no tocante ás liñas coloridas e sinuosas dos deseños, pero sempre ben chantados cando se trata de defender a sostibilidade e mais a slow fashion. Sara cre no made in Galicia e opta por producións pequenas pintadas á man con moito mimo. Entre os numerosos produtos do catálogo, dámos coa bolsa feita en serigrafía «Pensamento», un pequeno conto sobre os antollos da mente; a bolsa pintada á man, «Ollos», que supón unha mirada ao que somos e ao que nos rodea; ou a bolsa «Volver», cun colorido salvaxe que brilla na escuridade para que non nos perdamos no camiño cara á normalidade, agora que parece que xa falta pouco.

Para saber máis sobre Noaltodopoleiro para levar un anaco de arte ao ombro, podemos falar con Sara a través da súa conta de Instagram ou visitar a web noaltodopoleiro.tumblr.com. Soñemos desde o máis alto!

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.