Rayden, Xoel López, Marlango e Mikel Erentxun actúan no novo ciclo Solpores no Lagoeiro (A Estrada)
A Casa do Lagoeiro, na Estrada, ten programado un cartel de luxo para este verán tan peculiar que nos está tocando vivir. Rayden, Mikel Erentxun, Luis Piedrahita, Marlango, Fredi Leis, Tanxugueiras, Xoel López e Goyo Jiménez actuarán nos denominados Solpores no Lagoeiro ata mediados de setembro.
Pop, rock, rap, jazz e música tradicional galega confluirán nunha proposta que nace co obxectivo de poder ofrecer, de novo, encontros ao vivo entre público e artistas á vez que recolle a tradición dun dos locais míticos de música en directo na zona, A Senra Café. Nesta ocasión, a cita en A Casa do Lagoeiro, na Estrada, permitirá gozar da cultura, con total seguridade, nunha contorna única, natural e a ceo aberto. Ademais destas actuacións musicais, Solpores no Lagoeiro contará con dous recoñecidos humoristas do territorio estatal, o coruñés Luis Piedrahita e Goyo Jiménez.
A primeira cita será o luns 3 de agosto con Rayden, nun concerto enmarcado na exclusiva xira #LosNuevosAgostos coa que o rapeiro ofrece recitais en formato reducido no seu regreso aos escenarios. As entradas xa están á venda nesta ligazón.
Dez días despois, o xoves 13 de agosto, Mikel Erentxun presentará o disco El último vuelo de hombre bala. O cantante do mítico grupo Duncan Dhu, referente do rock español nos anos 80, é un dos artistas con máis carisma e versatilidade do panorama musical e no xardín do local ofrecerá un concerto inesquecible para as e os incondicionais do seu talento.
Os Solpores no Lagoeiro continuarán á semana seguinte con dous pratos fortes do ciclo: o humorista Luis Piedrahita (21 de agosto) e Marlango (23 de agosto). O dúo conformado por Leonor Watling e Alejandro Pelayo dará a coñecer en acústico o seu álbum Technicolor, co que levan xirando por salas e teatros nos últimos tempos. Xa na última semana do mes, o xoves 27 será a quenda do cantautor galego Fredi Leis, autor de éxitos coma Mariposas ou Quiero darte, mentres que o día 30 as voces e pandeiretas de Tanxugueiras, que veñen de esgotar as entradas para o seu concerto no TradFest, presentarán o seu segundo disco, Contrapunto.
En setembro rematará a primeira edición do ciclo. O 6 de setembro Xoel López, un dos músicos máis recoñecidos do pop-rock iberoamericano, presentará algúns dos temas do seu novo álbum que se publicará no outono e dos que xa se coñecen singles como Alma de oro. Finalmente, o cómico Goyo Jiménez pechará os Solpores no Lagoeiro o sábado 12 de setembro.