Rande Turismo ofrece rutas diarias pola ría de Vigo a bordo dun antigo bateeiro
Hoxe levantou áncora Rande Turismo, un novo proxecto que ofrece rutas regulares pola Ría de Vigo a bordo dun antigo bateeiro. Estes paseos en barco inclúen guía turístico, degustacións gastronómicas e a posibilidade de ver o solpor desde o mar.
Este verán temos un novo plan para achegarnos ao Vigo máis mariñeiro. Desde xa, Rande Turismo ofrece rutas diarias a bordo dun antigo bateeiro para descubrir todos os segredos do mar. En cada saída un guía acompañará ao grupo de viaxeiros e lles contará, entre moitas outras cousas, porque a nosa ría é unha das mellores zonas de producción de mexillón e de pesca de baixura.
O aforo máximo do barco en cada saída é de 10 pasaxeiros, polo que se trata dunha actividade en grupos de pequeno tamaño que farán que a experiencia sexa única. O paseo pola ría vai acompañado dunha degustación de mexillóns e ten unha duración aproximada de dúas horas. Tamén ofrecen unha ruta ao atardecer, que permite aos pasaxeiros contemplar o espectacular solpor na Ría de Vigo coas Illas Cíes de fondo.
As rutas do mexillón e do atardecer están dispoñibles de martes a domingo de xuño a setembro en horario de 12 a 14h a primeira e de 19 a 21 ou de 20 a 22 (dependendo do mes) a segunda. Tamén está previsto que organicen rutas Starlight e Illa de San Simón e dan a posibilidade de alugar os barcos de forma privada.
Na súa web randeturismo.com, temos toda a información sobre estas rutas e xa podemos realizar as reservas. Todos a bordo!
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024