Rande Turismo, experiencia mariñeira
Desfrutar da navegación pola ría e aprender sobre o cultivo de mexilón e a pesca de baixura son actividades compatibles a bordo dos barcos de Rande Turismo, unha empresa viguesa que ofrece paseos a bordo dun antigo bateeiro con guía e degustación de produtos.
Coñecer as artes de pesca a bordo dun antigo barco bateeiro é a proposta desta empresa de turismo mariñeiro que combina o lecer coa divulgación da cultura tradicional da nosa ría. Para tal cometido, restauráronse dúas embarcacións tradicionais en desuso e, na compaña dun antigo profesional do mar reconvertido en guía, ofrécense tres saídas diarias desde o Náutico de Vigo, con parada nas bateas, explicación sobre artes de pesca e degustación de mexillóns e viño albariño.
O obxectivo de Pablo Mariño e Nicolás Rey, os dous emprendedores detrás de Rande Turismo, é ofrecer un xeito distinto de coñecer a contorna viguesa a través dunha actividade que pon en valor o patrimonio gastronómico, industrial e cultural da cidade e que ademais se realiza en pequenos grupos e está destinada tanto a locais como a foráneos. “Os vigueses que suben aos nosos barcos son os que máis sorprendidos marchan co aprendido”, conta Mariño, fillo e neto de mariñeiros e comprometido coa dinamización da costa galega.
Mariño e Rey restauraron para o seu negocio dous barcos bateeiros aos que quitaron o guindastre posterior para poder utilizalos como embarcacións de lecer. Trátase de dúas embarcacións tradicionais do século XX que contaban cos aparellos necesarios para levantar as pesadas cordas das bateas nas que crecen os mexillóns e que terán unha segunda vida grazas a Rande Turismo. Tamén un dos guías que acompaña os paseos foi traballador das bateas, o que aporta mais autenticidade á experiencia.
Os paseos duran arredor de dúas horas e durante o mes de agosto poden realizarse de martes a domingo ás 12h, ás 17h ou ás 20h . Neste último horario a vocación divulgativa reláxase para deixar espazo á contemplación do solpor tralas Illas Cíes, un colorido espectáculo natural que paga a pena desfrutar desde o mar.
Para quen busque un plan máis particular, a empresa dispón da frota comandada por un patrón, que pode alugarse para realizar eventos privados, creando unha ruta e servizos personalizados.
Rúa de Colón, 37, 2
644 14 68 05
randeturismo.com
info@randeturismo.com
Facebook: RANDE Turismo
Instagram: @rande_turismo
Artigo patrocinado
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Al Wahab: cociña sirio-libanesa no centro da cidade - 5 Outubro, 2024
- Oito tendas de moda e creatividade que reinventan o estilo da nosa cidade - 4 Outubro, 2024
- A mariscadora Dula Piñeiro protagoniza o Festival Kerouac adicado ás poetas do mar - 25 Setembro, 2024
- Nove actividades imprescincibles do Galician Freaky Film Festival - 20 Setembro, 2024
- Turmalina: ‘brunch’ á brasileira - 17 Setembro, 2024