CAMELIAS MASCOTAS

Ramón D. Veiga: “Por moi dramática que sexa unha situación, sempre hai que atopar un oco para o humor”

Zoom é o título do libro de relatos co que Ramón D. Veiga se estrea na narrativa para adultos, e concíbese coma unha proposta de creación a partir de imaxes de dez fotógrafos e fotógrafas que admira. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña, Domínguez Veiga traballa no eido da edición, e ten publicados os seguintes títulos para o público infantil: Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín (Xerais, 2017), É tempo de Entroido! (Xerais, 2018), A araña que lles tiña medo ás arañas (Xerais, 2019), Meigas fóra! (Xerais, 2020), Non pare a festa (Xerais, 2021) e De festa en festa (Cumio, 2022). Tamén é autor da serie de banda deseñada Miñoca / Lombriz / Cuc (Xerais / Takatuka 2021, 2022). Con Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente (Embora, 2022) gañou o Premio Arume de Poesía para a Infancia no ano 2021. Ademais, publicou os contos en liña #EuQuedoNaCasa (2020), sobre o confinamento provocado pola covid-19, e Bombas de chocolate (2022), sobre a guerra de Ucraína.

Nunha era audiovisual e coa imaxe como protagonista, que pretende achegar o teu libro?

A estas alturas penso que xa todo está inventado, non creo que Zoom achegue nada novo. Orixinal? Pode, mais non deixan de ser relatos. Como ves, son moi pouco pretensioso; con que os lectores e as lectoras (cantas máis, mellor) o lean e pasen un anaco entretido e agradable, doume por satisfeito. E xa se consigo arrincarlles un sorriso, moito mellor.

Como foi o proceso de selección das fotografías e dos autores e autoras? Houbo criterios só persoais ou tamén outros?

No caso da selección dos autores e autoras das fotos, coñecíaos previamente e admiraba o seu traballo. Si me parecía interesante que houbese o mesmo número de homes ca de mulleres. No que respecta ás fotografías, non houbo ningún proceso de selección. Pedinlles que escollesen unha fotografía e traballei sobre o que me enviaron. Aí estaba o reto. Unhas resultáronme máis doadas á hora de inventarlles unha historia e outras un pouco máis complicadas, pero precisamente ese era o xogo. Tampouco ninguén me contou ningún dato previo sobre a imaxe; quería partir de cero.

Zoom é o título deste libro de relatos que se entende coma un achegamento ás diversas vidas a través das imaxes. Como fas Zoom?

A min encántame escribir partindo dalgunha imaxe, ben sexa unha ilustración, unha fotografía, un cadro… Cando concibín a idea deste libro (que nun principio nin sabía que podía rematar sendo un libro), o título veume á cabeza de maneira inmediata. Escribir sobre unha imaxe determinada é o mesmo que facer un zoom sobre ela: hai que escoller algún detalle, un personaxe (se o hai) ou, como ocorre no relato titulado “Mamadou”, facer que a propia fotografía sexa o tema sobre o que quero falar. Na vida fago zoom sobre moitas cousas.

É a túa primeira incursión literaria para público adulto. Que acollida está tendo e que diferenzas atopas con respecto ás túas creacións anteriores?

Se che digo a verdade, estaba moi inseguro á hora de entregar estes relatos á editorial. Todos os meus libros anteriores están destinados ao público infantil, que é onde me sinto máis cómodo, pero apetecíame probar e decidinme, e o certo é que a acollida está sendo moi positiva. O proceso de escribir para adultos ou para nenos non é tan diferente: só hai que sentarse e pensar quen vai ser o destinatario. O resto é unicamente traballo.

O libro é unha mestura moi acertada de historias máis nostálxicas e outras máis realistas, pero sempre co humor e a retranca. Como logras encaixar estas ideas aparentemente contraditorias?

Son dos que pensa que hai que rir de todo. Por moi dramática que sexa unha situación, unha historia, ou a vida mesma, sempre hai que atopar un oco para o humor. Pensa nos velorios: chega un momento en que todo o mundo está leriando e botando unhas risas. É tan importante rir todos os días! E para iso o truco está en rodearse das persoas adecuadas.

Que nace primeiro: a historia ou a fotografía?

A fotografía. Cando pedín as fotos non puxen ningún tipo de condición e os fotógrafos e as fotógrafas mandaron a que lles pareceu. É certo que algunha delas (“Avoas”, por exemplo) me deu xogo para contar unha historia sobre a que quería escribir, que era a miña nai, pero, igualmente, primeiro foi a foto.

O autor sostendo o libro | P. Vázquez

Moitas veces, mentres camiño polas rúas ou viaxo, deteño a miña mirada nas vivendas abandonadas e imaxino vidas. Pásache algo semellante?

Pasa. Como dixen, na miña vida cotiá fago zoom sobre moitas cousas. Pásame sobre todo cando vou a casa de alguén ou visito outro país e imaxino como sería a miña vida se fose eu quen vivise alí.

Os relatos fannos rir moito, pero tamén nos deixan ensinanzas e reflexións. Iso acontece, por exemplo, en “A función”, no que contas a través dun diálogo entre dous paxaros de que forma nace e evoluciona unha relación sentimental. Podes explicarnos máis da súa xénese e do que pretendías con el?

Na foto que ilustra “A función” aparecen dous pavos e pareceume boa idea que o relato fose un diálogo entre eles, nada máis ca iso. A miña única pretensión era crear un texto hilarante a partir de dous personaxes que se queren, pelexan, se reconcilian, volven pelexar, se bican, déixanse… Quen non coñece unha parella de “pavos”?

Tes algún relato favorito e por que?

Se cadra “O tío Saturno”, o relato que pecha o libro, é o meu favorito pola brevidade (ocupa pouco máis dunha páxina) e pola concisión.

O libro naceu con estas dimensións ou tiveches que seleccionar relatos e fotografías, deixando algúns fóra?

Como tampouco sabía se estes relatos se ían converter nun libro ou que ía pasar con eles, nunca pensei que puidese ter un límite. Pedinlle fotos a dez persoas; dous fotógrafos enviáronme dúas e, ao final, saíron doce relatos.

Estamos diante dun proxecto conclusivo ou tes pesado continuar con libros futuros do mesmo estilo?

Nunca sei que será o próximo que escriba ata que me poño a escribilo. O formato relato gústame bastante, tanto como escritor como lector, pero nestes momentos estou con outros proxectos. De todos os xeitos, “Definitely Maybe”, o relato máis longo do libro, ten unha “precuela”: aquí nárrase o encontro de dúas persoas ao rematar a universidade, e xa teño escrita –para nenos e nenas– a historia desas mesmas persoas cando tiñan dez anos. Agardo que se publique axiña.

Traballas no eido da edición habitualmente, e atrévome a preguntarche, como ves ti o panorama editorial galego? Es positivo ou negativo con respecto ao futuro?

Eu son positivo en todos os aspectos da miña vida, e no traballo non o vou ser menos. É certo que a edición en galego, o mesmo ca a lingua, non está a vivir os seus mellores momentos e conta cun escasísimo apoio, á parte de moi poucos lectores se a comparamos con outras. Con todo, se falamos de calidade, en Galicia se están publicando cousas excelentes e temos unha grande cantidade de autoras e autores dun nivel extraordinario.

Que che gusta ler no teu tempo libre e cales dirías que son os teus referentes?

REVISTA NOVEMBRO

Á parte do que me toca por traballo, leo basicamente todo o que cae nas miñas mans. Agora mesmo estou con Peyton Place, de Grace Metalious, que é unha marabilla. Non hai nada que me entreteña máis ca un bo libro, á parte dos amigos. Falar de referentes resúltame moi complicado aínda que, cando escribo para nenas e nenos, non podo pasar por alto a Roald Dahl. Matilda é o libro que sempre quixen escribir.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Redactora

Esta sección é posible grazas ao patrocinio de Deleite.