VIALIA
bannerPicnicSesions

Os agasallos máis orixinais que atopar en Ofeitoaman

Xa sabemos que estes días de decembro son un verdadeiro caos e que os agasallos de última hora volven tolo ata ao máis previsor. Todos queremos sorprender aos nosos seres queridos co agasallo máis orixinal destas festas e deixámonos levar polo consumismo, non temos remedio! Así que, para que ti non te rompas demasiado a cabeza, atopes o que buscas á primeira e invistas en deseño e comercio local… nós xa demos unha volta polo Ofeitoaman e traemos algunhas propostas especiais que farán que acertes na cea de empresa, co agasallo ao teu cuñado e tamén nese amigo invisible que axexa ao virar a esquina.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Tes ata o 5 de xaneiro para dar un paseo pola contorna do C. C. A Laxe e esculcar entre a ampla gama de obxectos case máxicos que ofrece a proposta deste ano. Sería imposible abarcalos todos, así que propoñemos que sexas ti mesmo quen se deixe caer polos postos e tome a decisión final, pero, para acabar de convencerte, deixámosche unha breve selección de agasallos que emocionarán ata ao máis escéptico.

Nada máis chegar namorámonos perdidamente do universo fantástico de Comocuando e as súas pezas de cerámica pintada a man. Tras botar unha ollada no seu microcosmos demos co agasallo perfecto para os amantes das plantas, testos en miniatura aínda sen inquilino ou xa con pequenas plantas ás que coidar. No caso de que non contemos cun amante da natureza na familia, os seus porta panos serán un complemento ben feitiño para decorar a mesa na que nos sentaremos rodeados da nosa familia. E, seguindo co tema decorativo, demos cunha solución para contentar aos que teñen a casa decorada como un auténtico templo: ourizos, rodaballos e outras criaturas talladas en madeira por Verdecima. Porque a bos regaladores e a orixinais non nos gaña ninguén.

Supoñemos tamén que a roupa e os accesorios non faltarán baixo ningunha árbore de Nadal que se prece, así que esperamos que che convenzan os coloridos zapatos (e cintos) de Laia Zapateiros. Deseños coidados para todos os gustos e idades, fabricados de xeito artesán mediante un proceso de montado e empalmillado a man, de curtición vexetal e engraxados con graxas naturais. O coiro empregado por estes mestres é natural e permeable ao aire, acomodándose mesmo ás peles máis sensibles da casa. Ademais, se aínda queremos darlle un pouco máis de cor ao noso pack de zapatos e cinto, recomendámosvos aderezar o conxunto cun divertido moedeiro da marca Encoiros. Pezas únicas e cosidas a man que xuntan o mellor coiro con combinacións de cores case imposibles que che levantarán o ánimo aínda que diluvie durante as festas. Poida que empezásemos a vestirnos polos pés, pero contamos con opcións para completar o noso look. Roupa divertida e cómoda para toda a familia decorada con serigrafías artesanais e fabricada na cidade? A resposta é Le Chanelas. Na súa caseta atoparás vestiario xeitoso para os máis pequenos, pezas quentiñas que soportarán as manchas das enchentes de Nadal e os longos días de parque.

REVISTA ABRIL

Se es un clásico á hora de regalar podes estar tranquilo, temos unha solución para ti tamén. É case imposible fallar cunha xoia de autor, sobre todo se temos moitas opcións ás que recorrer. Para os amantes o origami e dos caramelos máis clásicos da infancia temos as marabillas de Joyas de Papel; pezas realizadas en prata e papel, de nova creación ou reciclado, resistente á auga e aos golpes. As súas gueixas orientais son a peza estrela. Seguindo coa reciclaxe atopamos as minimalistas pezas de Mario López. Desde colgantes feitos con garfos e culleres de prata ata lentes de cámara cunha nova vida. Agasallo dedicado aos vangardistas da cuadrilla.

Por último non nos esquecemos dos máis románticos. Para eles poñeremos baixo a árbore algunha xoia clásica como as flores de cores fabricadas en prata e tintadas con esmalte ao fogo de Rosa Higuero. E, como non podería ser doutra forma, os que naceron aquí e non poden separarse do mar, poderán adornar a súa boneca cunha bonita pulseira de prata e cuncha de Montse Betanzos.

Xa tes razóns máis que suficientes para investir en deseño local e regalar algo único. Éxito asegurado!

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.