Que visitar en Baiona
A vila condal de Baiona, sitúase ao sur da provincia de Pontevedra e é un dos enclaves turísicos máis famosos das Rías Baixas. Prais, montaña e moita historia é o que ofrece esta pequena urbe, que ademais no ano 1492, foi a primeira en coñecer a noticia da existencia de América.
1. Fortaleza de Monterreal e Monte do Boi
Nada máis chegar, chama a atención esta fortificación erguida no século XI para defender a vila de ataques piratas. É recomendable rodear a fortaleza nunha andaina de hora e media con vistas ás illas Cíes.
2. Praias:
Despois da camiñar presta un bo chapuzón. Ao pé do Monte do Boi atopamos as praias da Ribeira, dos Frades, da Barbeira e da Cuncheira. Ao outro lado do paseo marítimo atopamos a praia de Santa Marta e a da Ladeira, o areal máis extenso do municipio.
3. Zona vella:
Podémonos introducir na parte antiga da cidade desde a praza de Pedro de Castro, que ten diante o Museo da Navegación. Desde aquí non temos máis que deixarnos ir por rúas estreitas e empedradas, como as da Ventura, da Misa e do Conde. De especial interese é o Convento das Dominicas, a ex-colexiata de Santa María ou o Cruceiro da Trindade.
4. Réplica da carabela Pinta
O 1 de marzo de 1493 atracaba en Baiona a carabela Pinta coa noticia de que había terra á outra beira do Atlántico. Con motivo do quinto centenario, construíuse unha réplica da embarcación, que alberga un museo.
5. Virxe da Rocha
No alto do Monte de San Roque sitúase unha estatua enorme, realizada polo arquitecto porriñés Antonio Palacios. Representa a Virxe sostendo na súa man dereita unha barca á que se pode acceder para gozar dunhas boas vistas.
6. Cabo Silleiro
Outro punto de observación interesante é o Cabo Silleiro, onde se edificou o faro do mesmo nome en 1924, substituíndo un anterior. Moi preto, consérvanse as ruínas dunha batería de tiro cos seus canóns.
7. Senda fluvial Baredo
Desde o faro, podemos subir cara á senda fluvial do río Fraga, cunha lonxitude aproximada de 750 metros. Desde esta pasarela de madeira, observamos oito muíños, tres deles rehabilitados.
8. Serra da Groba:
Atravesando o Chan da Lagoa, o Cortelliño ou o alto do Montouto, desde onde temos unhas boas vistas, é fácil avistarmos algún «garrano», que é como se coñece aos cabalos autóctonos e salvaxes que viven na zona.