VIALIA
GIRANDO POR SALAS

Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas

O proxecto do Teatro Cine Fraga vai collendo forma e, sen dúbida, está chamado a ser o gran fito cultural de Vigo dos próximos anos. A Xunta de Galicia e a Deputación fixeron público un documento que resume as principais propostas da cidadanía e do tecido asociativo sobre o futuro deste edificio histórico.

O 23 de agosto de 2024 a Xunta e a Deputación abrían un correo para recibir propostas, ideas e todo tipo de comentarios arredor do Teatro Cine Fraga, edificio que compraron a Abanca ese mesmo verán. Recibíronse 236 propostas, das cales unha ducia representan a colectivos e dezasete trátanse de dossieres e orzamentos de artistas e empresas. A maioría avogan por unha “programación continuada que teña en conta a creadores locais, o propio ADN da cidade, pero que tamén aposte pola proxección e a innovación”, indícase no dossier. En definitiva, facer do Fraga un “centro cultural activo con teatro, cine, exposicións, presentacións de libros e accións gastronómicas que sexa abandeirado de cultura de calidade e encha o oco que neste ámbito existe actualmente na cidade”.

O pasado 12 de marzo Xunta e Deputación presentaron o plan de usos do teatro. Apuntaron que se disporá dunha sala que se transformará para acoller tanto espectáculos teatrais, como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, “pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, aclararon. A outra gran sala estará destinada, en principio, a exposicións temporais e outro tipo de actividades culturais máis reducidas.

No dossier, as administracións resumen as máis de 200 mensaxes recibidas en cinco tipos: patrimonio (25 %), ocio cultural (23,8 %), agradecemento (20,2 %), indentidade (16,7%) e interxeracional (14,3 %). Nunha reunión mantida o mércores 19 de febreiro coas persoas responsables das propostas tamén se incidiu moito, por parte dos asistentes, na importancia dunha boa dirección artística que diferencia o Fraga do resto de teatros e auditorios da cidade. Entre os referentes citados pola cidadanía atópanse a Alhóndiga de Bilbao, Giunti Odeón, Tabakalera, La Casa Encendida, El círculo de Bellas Artes, WOW de Porto, Teatro Rívolí, Palau de Les Arts de Valencia, Numax e Sala Equis.

• Un Festival de Cinema Chano Piñeiro e a recuperación da Fotobienal.

• Un Centro Cultural Integral que combine a Filmoteca de Galicia e o Museo da Imaxe, preservando o legado de fotógrafos locais e ofrecendo unha plataforma para artistas internacionais.

• Un centro de protección e exhibición de fotografía de autores galegos ou vinculados a Galicia.

• Unha programación estable de eventos cinematográficos, cursos, presentacións de cineastas e talleres, así como unha programación estable de películas en sesións individuais ou ciclos temáticos.

• Unha filmoteca de cinema clásico con presentacións e coloquios, ademais da promoción do traballo de novos directores e películas non dispoñibles en plataformas.

• A recuperación e homenaxe aos carteis e cartelistas do Teatro Cinema Fraga, e un recordo a Isaac Fraga e Cesáreo González na denominación das salas.

• A habilitación dun espazo en memoria de figuras destacadas do cinema local e galego, que podería chamarse provisionalmente “A Sala da Memoria”, e recoñecer a figura de Isaac Fraga Penedo.

• A creación dun ente encargado de posicionar a Galicia e Vigo no mapa de rodaxes, aproveitando o legado do Festival de Vídeo e do cineasta Chano Piñeiro.

• A organización dun festival de fotografía ou un ciclo de exposicións temporais utilizando diversos espazos do teatro para ir máis aló dunha simple sala de exposicións.

Recuperar o festival de jazz Imaxinasons e crear un festival de cinema de autor.

• A acoller, de forma indefinida ou temporal, unha exposición sobre a música viguesa, destacando a súa historia desde os anos 60 ata a actualidade.

• A adecuación da sala principal para a audición de grandes orquestras sinfónicas, cun escenario flexible e a posibilidade de retirar asentos para concertos de música contemporánea.

• Converter o teatro no “Coliseo da Música Isaac Fraga”, un auditorio especializado en música con varios espazos para diferentes xéneros musicais, proxeccións de grandes orquestras e ópera, e que sirva como sede da Orquestra Sinfónica de Vigo. Suxírese tamén unha ornamentación con obxectos de cinema.

• En canto as artes escénicas, debe ser espazo de exhibición, pero tamén de creación e de divulgación.

• Implementación de festivais de pequeno e mediano formato de artes escénicas. Tamén residencias artísticas para estrenos absolutos e coproducións ou producións propias.

Talleres de arte, cine, música e teatro.

Cesión de espazos ás distintas organizacións e asociacións culturais a condición de que presenten un proxecto serio e atractivo e unha garantía de compromiso no tempo.

Programación mensual moderna e estimulante que abranga dende exposicións, ambient djsets, proxeccións experimentais, arte dixital e realidade virtual, obradoiros interactivos, talks, conciertos tiny desk e o seu propio podcast.

REVISTA MARZO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.