PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Probamos a carta de outono de Alium

Alium é un referente na cidade para as persoas que seguen unha dieta sen glute, pero tamén para as que buscan sabores diferentes, combinacións arriscadas e pratos equilibrados. Unha lista de características inusual que Paola e Raúl levan varios anos facendo realidade no número 80 da rúa Ecuador.

Fotos: Paula Cermeño

Estamos habituados a ler escoitar da man de hostaleiros que as súas cociñas utilizan produtos de tempada e proximidade, ao tempo que as súas cartas permanecen inmóbiles durante meses e anos. En Alium as estacións reflictense nunha carta dinámica que acaba de reinventarse para dar a benvida ao outono. Na nova minuta despedímosnos dos produtos da horta de verán e damos a benvida a pratos máis quentes e máis calóricos “pois así nolo pide o corpo”, tal e como explica Raúl, o cociñeiro desta tapería.

As carnes de caza, pato e tenreira acompáñanse de gornicións propias da chegada do frío: garavanzos negros, boniato ou setas, formando combinacións creativas ao tempo que saudables. Raúl, cociñeiro e copropietario do local, é un verdadeiro inconformista amante da experimentación. Cada un dos pratos que presenta leva horas de traballo gastando os miolos para que sexan ricos, moi orixinais e o máis equilibrados posible, o que consigue incorporando xenerosas porcións de vexetais en moitos deles. Todos son únicos de Alium, inspirados tanto na cociña galega, como española, asiática e caribeña. Ademais de sen glute, estamos nun local que acolle cos brazos abertos a vexetarianos e veganos, pois as opcións sen produtos animais son abundantes tanto na carta como no menú do día.

Algúns dos pratos da nova carta, que pode consultarse na súa web, son o canelón de calamar e setas, un recheo pouco frecuente inspirado nos mar e montaña da gastronomía catalá; un tradicional pato confeitado acompañado de setas e castañas que soa e cheira a Nadal; e un espectacular sándwich de guiso de xabarín trufado con tetilla e kimchi, nun brioche tan suave que é imposible descifrar que non leva glute.

Para os que procuran emocións máis fortes Raúl propón o cazón marinado con plátano fritido e maionesa de kimchi, unha creación que bebe de tres partes do mundo (Andalucía, o Caribe e Corea) e cuxa inspiración apareceu durante as recentes vacacións da parella no Caribe. A combinación do sabor salino do peixe coa melosidade do plátano, que nos leva directos aos potitos da infancia, convérteno nun prato dificil de esquecer. Para os carnívoros escépticos de que se pode atopar desfrute nun prato 100 % vexetal, recomendo non pasar por alto os porros confeitados con romesco e calabizo. Son tan suaves como saborosos e o chourizo de cabaza ponlle a potencia necesaria para redondear o trío.

Para goce de moitos volven as luras á romana, un básico de calquera tapería que, rebozado en fariña de garavanzo, vólvese apta para os celíacos. “Tivemos que metelos de novo na carta porque moitas persoas nolos pediron este verán. Somos o único sitio de Vigo que prepara este prato sen glute”, explica Paola. Tamén son dos poucos que preparan croquetas sen esta proteína na cidade, ainda que sorprendemente a súa clientela prefire os buñuelas, un prato que sempre teñen en carta con variantes. No verán probamos os de jackfrit con sabor mariño e agora é a quenda dos de yuca con boletus acompañados de salsa de cebola e avelás. Outro dos pratos que regresa por petición popular son os mexillóns bañados en pesto, un xeito mediterráneo de desfrutar este molusco tan galego.

Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.