CAMELIAS MASCOTAS

Presumido inaugura os Concertos Secretos na Fundación Sales

O dúo local de pop electrónico Presumido foi o encargado de abrir os Concertos Secretos que propoñen Regalamúsica e Cervezas Alhambra, uns espectáculos nos que a xente acude a apetecibles lugares sen saber á banda que van ver. A localización especial para esta ocasión foi a Fundación Sales, mais este non será o único espazo no que teñan lugar estes curiosos recitais a cegas.

REVISTA NOVEMBRO

Eran as 20:30 pasadas dun xoves de verán na fermosa Fundación Sales, cando dunha pantalla situada ao pé do escenario apareceron as caras de Tarci Ávila e Nacho Dafonte, membros do dúa local de pop electrónico Presumido. Nun breve vídeo, explicaron a súa historia e influencias, para que todo o público presente coñecese algo máis da banda que estaban a piques de ver. O segredo foi desvelado.

Ambos os dous apareceron relixiosamente de negro entre o público e a vexetación, e interpretaron o primeiro tema acompañados unicamente dunha tablet. Non tardaron en darlle máis intensidade ao asunto cos ritmos áxiles e potentes de Nacho á batería e as fermosas melodías vocais de Tarci, tamén á guitarra e aos teclados. Gran parte do público parecía sorprendido e complacido pola arriscada proposta deste dúo, incluso unhas nenas non deixaron de bailar nas primeiras filas durante todo o concerto. Mais, como adoita ocorrer neste tipo de eventos, hai quen pensa que a música é un mero acompañamento ás súas apaixonantes conversas cos amigos, unha sorte de fío musical de luxo, falando máis alto do debido e molestando aos que realmente estaban atendendo e gozando dun fantástico concerto.

Todo isto non descentrou a Presumido, que realizaron un concerto sobresaínte, como xa viñan de facer uns días antes na Carballeira de Caldas de Reis, no festival PortAmérica. Tocaron temas de Vendetta, o seu primeiro e único disco ata agora, e de Invierno e Primavera, dous dos EPs que formarán Cuatro Estaciones, o seu segundo longa duración. Un disco, que por certo, presentarán en Vigo o 2 de novembro en La Fábrica de Chocolate, no que promete ser un show que marcará un antes e un despois na súa breve pero intensa traxectoria. Agardamos impacientes polas dúas novas entregas destes dous rapaces e tamén polos próximos Concertos Secretos que teñan lugar na nosa cidade.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.