CAMELIAS MASCOTAS

Por un Nadal de noso

Bip-bip! O reloxo do forno fai que levante a vista do móbil. O recendo das galletas de chocolate acabadas de facer lévame de inmediato a outrora.

Aquilo era pouco menos que un ritual. Todos os sábados pola mañá eu espertaba con miña nai xa preparada para ir buscar o almorzo. Sempre colliamos o mesmo rumbo: baixar as escaleiras, chegar á rúa e virar á esquerda por aquela avenida que chegaba á praza. Ás veces, miña nai aproveitaba para facer algún recado: deixarlle a Manolo, o zapateiro, unhas botas para reparar; encargarlle o peixe a Berta para recoller ao mediodía ou ir onda o reloxeiro, Vicente, para mudar a pila daquel reloxo que paraba máis do que andaba. Eu sempre facía un alto no mesmo punto do camiño, nunha esquina na que hoxe hai unha sucursal bancaria, erixíase daquela un soño infantil: a xoguetería. Un escaparate cheo de cores e formas no que todo me chamaba tal atención que me resultaba inevitable pedirlle á miña nai ir saudar á dona. Aquela señora sempre me regalaba un bo sorriso e unha presa de sugus de papel azul, os meus favoritos. Encantábanme os coches, as monecas e os osiños de peluche, pero mentres a mamá falaba con Celia, que así se chamaba a dona da tenda, eu enredaba con aqueles crebacabezas de madeira que tanto me gustaban ata que tiñamos que seguir o camiño. Nada máis chegar á cafetería, saudabamos a Alba e corriamos a coller sitio na mesa do fondo, o sitio de sempre, á beira dunha fiestra enorme con vistas ao campo. Ao pouco de sentarmos, volvía aparecer Alba coa nosa comanda. Un café con leite a ferver, unhas torradas con manteiga e marmelada e un vaso de auga da billa para a miña nai. Para min, un zume de laranxa acabado de espremer e aquelas galletas deliciosas que tanta fama lle daban. En cada bocado podía sentir o chocolate derreterme na boca. Iamos devagar para degustar aquel almorzo, miña nai aproveitaba para ler a prensa e eu sempre acababa por atopar alí algún veciño con quen xogar. Á volta, collíamos un camiño un chisco máis longo. Tiñamos un acordo: eu portábame ben mentres ela se perdía entre os andeis da librería Central e logo ela agardaba paciente a que eu cansase de brincar no parque, onde ela me empurraba no bambán e me recollía no tobogán.

REVISTA NOVEMBRO

            Co tempo, acabei cambiando a tenda de xoguetes por un comercio de roupa que abrira unha rapaza bastante nova xusto na mesma praza e, igualiño que a miña nai, podía botar horas ollando os libros da Central.

            Ring!!! O timbre. Deixo a galleta que estou a catar —nada que ver coas que facía Alba— e vou abrir a porta. É un mensaxeiro que trae un paquete para Xoán. Ás présas, deixa no chan do recibidor esa caixa que leva un  sorriso pintado, mentres colle polo aire o nome e o número do DNI que lle canto. Cerro a porta e deixo o paquete na mesa da cociña. Ou moito me equivoco ou isto vai ser o meu regalo de Nadal. De golpe, éntrame o frío.

Por Tamara Novoa

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.