CAMELIAS MASCOTAS

‘Poética del rock’, o libro vigués que recompila un século de música e literatura

A lingüista Susana Rodríguez Barcia e o músico Bosco Gil de Gárate acaban de publicar Poética del rock, un estudo que analiza un século de música e literatura anglosaxonas con máis de 150 fichas de artistas e case 600 cancións traducidas. O volume, de máis de 700 páxinas, tamén conta coas ilustracións do músico e deseñador Rubén Suárez. Este xoves 25 ás 20:00 presentan o seu traballo na libraría Versus.

Susana R. Barcia e Bosco Gil de Gárate co libro nas mans | P. Vázquez

Entre outrubro e decembro de 2020, Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate impartiron un curso de extensión universitaria titulado Poética del rock. Ese foi o xerme do libro homónimo que acaban de editar grazas ao Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo: “Jorge Bueno, o noso editor, foi quen nos preguntou se non tiñamos pensado facer un libro co contido do curso; era unha idea que Bosco e mais eu tiñamos desde hai anos, pero nunca pensamos que puidese interesar a unha editorial” narra Susana. Pouco tardou en chamar a Bosco para comentarlle a idea: “Sorprendeume un pouco porque eu son músico, non escritor”, sintetiza un dos líderes do grupo Family Folks. Por suposto, aceptou.

Tras o visto bo do comité universitario, ambos fixeron filigranas para poder sacar tempo de escrita das súas atarefadas axendas: “Primeiro estruturamos todo e despois foron as cancións as que fixeron de guía”, simplifica Bosco. Susana ten un punto de vista algo distinto: “Foi complicado e fermoso escribir a catro mans porque Bosco e mais eu temos ritmos de traballo distintos: el traballa moito e durme pouco, así que case sempre escribía de noite ou nas fins de semana. Este libro forma parte do meu traballo, pero el tivo que sumalo ao seu”. A docente da Universidade de Vigo lembra pasar moitas horas no despacho e tamén celebrar cando ambos se encontraban en liña no documento compartido de Drive. A súa comunicación era esencialmente a través de anotacións virtuais, whatsapps, playlists de Spotify e recomendacións literarias: “Eu lin moitos libros que el compartiu comigo, por exemplo La espuma de los días de Boris Vian”, engade.

Susana e Bosco desfrutando do seu propio traballo | P. Vázquez

Poética del rock. Imaginario lírico de la cultura popular fai un percorrido do último século de música pop e rock anglosaxona, cun capítulo por cada década ou movemento cultural relevante. É a primeira vez que se recolle nun único volume unha análise conxunta da evolución poética do rock escrito en inglés desde o seu nacemento ata a actualidade, coa particularidade engadida de ofrecer a tradución ao español dunha mostra máis que representativa de temas clave da historia da música. Traduciron case 600 cancións e elaboraron máis de 150 fichas monográficas co perfil poético dunha selección de compositoras e compositores esenciais. Algúns son verdadeiras lendas da música e outros artistas underground: dos primeiros, Susana destaca a George Harrison e Nick Drake e Bosco a Nick Cave e Leonard Cohen; dos segundos, ela opta por Nikki Sudden e el por Alexander Skip Spence. Por mencionar a outros dos artistas que aparecen nas máis de 700 páxinas da obra: Hank Williams, Woodie Guthrie, Johnny Cash, Patti Smith, Joni Mitchell, John Lennon, John Fogerty, Bob Dylan, Jim Morrison, Neil Young, Van Morrison, David Bowie, Lana del Rey, Angel Olsen, Mark Oliver Everett, Rufus Wainwright

REVISTA NOVEMBRO

Un libro con tanta música non tería moito sentido se non se pode escoitar, e para iso os autores crearon un conxunto de playlists temáticas en Spotify ás que se accede mediante un código QR: hai unha por cada capítulo e por cada un artistas que aparecen recollidos nas fichas. Un traballo milimétrico que facilita moito o labor de lectura, especialmente das traducións, obra de Bosco na súa maioría: “Era o que máis me atraía do libro, porque é algo que levo facendo desde pequeno. Xa de rapaz conseguía as letras das cancións en inglés, que era algo bastante complicado, e as traducía daquela maneira”, lembra o músico.

Portada de Poética del rock, formada por ilustracións de Rubén Suárez | P. Vázquez

Ambos concordan en que a día de hoxe as letras das cancións non gozan da relevancia que merecen: “Na música comercial actual a letra está tan diluida que as veces nin se entende, pero non importa porque prima o ritmo e o estilo. Se ademais están en inglés moitas veces tes que buscalas e profundizar, pero unha vez que a coñeces xa valoras máis a canción”, opina Susana. Bosco, pola súa parte, pensa que “o Nobel a Dylan en 2016 foi un paso moi grande, pero creo que aínda poderiamos prestarlle máis atención e potenciar máis este aspecto”, apostila.

Este xoves 25 ás 20:00 prséntase por primeira vez na libraría Versus. No acto estarán presentes o editor Jorge Bueno, os autores e o ilustrador Rubén Suárez. Bosco e mais el, as dúas voces cantantes de Family Folks, intepretarán en acústico algúns temas recollidos no libro. “Haberá música, poesía, preguntas e moito amor, que é o motor deste libro”, resume Susana. As seguintes paradas son a libraría Paz (Pontevedra) o 3 de xuño ás 12:30 e o 17 de xuño á hora do vermú na Galería Maraca (Vigo). Poética del rock xa se puede conseguir en librerías a través de pedido e tamén adquirir online directamente no portal de libros universitarios UNEbook.

Rubén Suárez e Bosco Hill nun concerto con Family Folks | P. Cermeño
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.