CAMELIAS MASCOTAS

Os cineastas galegos experimentan coa memoria no Festival Play-Doc

Esta fin de semana celebrouse en Tui o festival internacional de documentais Play-Doc, no que tamén se reservou espazo a creacións galegas no espazo Panorama Galicia. Ilha e Typical Morning foron dous dos filmes autóctonos escollidos. Ambos coa memoria como telón de fondo.

Iria Sanjurjo, Arancha Brandón e Alexandre Cancelo trala proxección das súas curtas | Play-Doc

Esta fin de semana celebrouse en Tui o festival internacional de documentais Play-Doc. A decimoquinta edición deste consagrado certame cumpriu ca promesa de estrear máis películas que nunca e contar ca presenza de directores de culto do documentalismo a nivel internacional. Así, puidemos coñecer en persoa ao fotógrafo estadounidense Bruce Weber, de quen se proxectaron tres documentais que daban boa conta das relacións do cineasta cas estrelas de Holywood; e ao gurú do movemento do Tercer Cine en Asia, o filipino Kidlat Tahimik, quen sorprendeu aos asistentes cunha performance no escenario trala proxección da súa ópera prima, Pesadelo perfumado, un filme sobre as relacións da poboación cos vaivenes políticos ocasionados polas varias oleadas de colonización do arquipélago.

Pero entre tanta estrela chegada de terras lontanas, Play-Doc tamén reservou espazo ás creacións autóctonas. Puidemos desfrutar de pezas galegas programadas en dous bloques: Panorama Galicia, unha mostra “plural e variada” de longas e curtas con conexión ca nosa terra e North by Norwest, un trío de producións rodadas no norte na península o ano pasado, entre as que se atopaba a galega La estrella errante.

Esta edición do Play-Doc serviu tamén para certificar a morte do documental clásico, deixando atrás a ollada obxectiva e a función práctica ou mesmo pedagóxica que lle atribuíamos antano a este formato. Os novos creadores abrazan linguaxes máis experimentais, modifican a realidade e crean situacións surrealistas que apelan claramente á descodificación subxectiva do espectador. É o caso claro de La estrella errante de Alberto García, quen recoñece que os seus personaxes, malia actuar no papel deles mesmos, están sobreactuados, esaxerados: “son case marionetas”. García vai máis alá e cóntanos que a subxectividade está na base da película: “a intención é mostrar como non entendemos absolutamente nada do que nos rodea”, o cal consegue a través dun uso aparentemente arbitrario de recursos na montaxe. Nada máis lonxe dos documentais de sobremesa.

Tamén no campo da experimentación audiovisual movíanse as curtas A typical morning, de Arancha Brandón e Ilha, de Alexandre Cancelo. Ambos comezaron a grabar as súas películas sen imaxinarse o resultado e admiten con orgullo que a peza naceu do proceso e, especialmente, da montaxe. Non había guión. Ambas teñen ademais a particularidade compartida de falar da memoria, cada unha ao seu xeito.

REVISTA NOVEMBRO

Cancelo fala dunha “cadea de historias da que formamos parte tamén os que habitamos hoxe a Illa de San Simón”, lugar no que trascurre a súa curta e que retrata a través da pintura, da poesía das trobadoras modernas, ou da música. Todas elas (e tamén o cine documental), formas de capturar a realidade presente e de convertirnos nun “eco”, como di o autor, que poida resoar tamén no futuro deste espazo tan particular.

No caso de A typical morning, de Arancha Brandón, ex-alumna da Universidade de Vigo, reproduce as vivencias da súa nai no rural dos 60. Unha peza moi minimalista, composta en seis planos minuciosamente coidados nos que a voz da muller é a protagonista. “A típica mañá é a frase estrela da miña nai para normalizar tódalas súas memorias, pero a min resultábanme fascinantes e suficientemente significativas como para ser recollidas”, explica Brandón. “A peza xoga ca naturalidade e a retranca e con como o normal cambia co paso do tempo”, pois a nai de Arancha recítanos todo un ideario popular, historias que lleveñen á memoria a partir do achado de varios pequenos animais mortos na beira do río.

Tamén formaron parte do ciclo Panorama Galicia as curtas Empalaos, de Iria Sanjurjo; Rexistros. Xeografía de San Sadurniño, creada por Adrián Canoura no contexto do Chanfaina Lab; Lucía en la noche, montada cos vídeos caseiros da filla de David Varela, o seu director. E dúas longas dirixidas por galegos pero de temática e produción internacional. O retrato da xuventude dos campamentos saharahuis de Tinduf: Hamada, de Eloy Domínguez; e What you gonna do When the World’s on Fire?, de Roberto Minervini, sobre a cuestión racial en América do norte.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.